O Concello mellora a área de xogos da Avenida das Américas

O Concello de Lugo acomete a reforma da área de xogos situada entre a Avda. das Américas e a rúa Trapero Pardo, logo de realizar en setembro un arranxo provisional do recinto solicitado polos residentes na zona a través do tenente de alcaldesa.

“O Executivo local está levando a cabo un ambicioso Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís e biosaudables da cidade co que queremos abordar a renovación destes espazos. Porén, algunhas destas actuacións entrañan maior complexidade ca outras e precisan dunha consignación orzamentaria máis elevada. De maneira que, en tanto non se tramitan os proxectos, tratamos de dar igualmente solución ás necesidades que, día a día, nos traslada a cidadanía como resposta ás súas demandas”, sinalou a alcaldesa que esta mesma mañá comprobou in situ o resultado dos traballos.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Ambiente explicou que as tarefas que se executaron neste enclave “consistiron na reparación, lixado e pintado dos elementos de xogo existentes e na reposición do valado perimetral de madeira, así como na colocación dun cartel informativo coas normas de uso do parque que foi entregado coa súa correspondente certificación”. Tarefas que, segundo sinalou o edil, ascenden a 11.988 euros.

“Este investimento municipal completarase en breve coa colocación dun pavimento de caucho en todo o perímetro e coa instalación dun novo xogo para as nenas e nenos máis pequenos”, avanzou o edil quen tamén referiu a humanización que se fixo da contorna, “incrementando o número de papeleiras e habilitando unha cancha de baloncesto ao carón do recinto”.

A rexedora quixo lembrar que o 47’5% dos parques de Lugo teñen 15 anos ou máis e que unha porcentaxe destacable dos mesmos foi executada por promotores privados no desenvolvemento de unidades de actuación e, posteriormente, cedidos ao Concello para o seu mantemento sendo, na súa gran maioría, de baixa calidade o que obriga á Administración a acometer continuos labores de coidado e reposición.

“Estes datos, obtidos nun estudo recente, nos axudaron a deseñar unha planificación por fases e barrios para atallar as eivas derivadas do avellentamento destas infraestruturas e no que mesmo se contempla a creación de novas zonas de esparexemento co fin de garantir unha oferta de ocio axeitada pero non só para as crianzas, senón dirixida a todos os públicos”. Neste senso, a alcaldesa aludiu ás obras materializadas nas áreas de Novo Freire e Augas Férreas, “nas que os recintos cumpren unha función moito máis integradora xa que grupos de todas as idades poden desfrutar de espazos propios pero tamén doutros compartidos que predispoñen á convivencia e á socialización interxeracional”.

“Todas as nosas políticas teñen o mesmo obxectivo: pular por incrementar a calidade de vida dos e das lucenses. E iso pasa tanto por deseñar o horizonte económico e transformar a cidade para que poida afrontar con recursos propios os retos de futuro que se aveciñan, como tamén por traballar de forma constante nos barrios, para que gañen en habitabilidade, dispoñan cada vez de maiores dotacións e servizos e estes sexan de boa calidade”, concluíu a rexedora de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com