Reixtro Civil

O Concello, obrigado a readmitir á Xefa de Persoal cesada en 2020

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo declarou nulo o cesamento da xefa de Persoal do Concello de Lugo e ordenou a súa readmisión. A maxistrada indica na sentenza, contra a que cabe interpoñer recurso de apelación, que non resultou acreditado que a funcionaria “incumprise as obrigas derivadas do seu cargo e, en concreto, que deixase de ter a capacidade necesaria por incumprir de forma manifestamente deficiente, ineficaz, descoidada ou neglixente as obrigas que lle incumbían”.

A xuíza entende que a decisión, adoptada pola Xunta de Goberno Local en xaneiro de 2020, non é axustada a dereito “por non quedar acreditado, nin sequera minimamente, o incumprimento inadecuado das funcións, tarefas e deberes propios do cargo” que ostentaba a recorrente. A maxistrada salienta que durante os 23 anos que permaneceu no seu posto de traballo, non consta “que se incoase fronte a ela ningún tipo de expediente de carácter disciplinario ou se lle realizase algún apercibimento”.

“Todas as críticas que se efectúan respecto de informes inconclusos ou confusos ou incompletos, os cambios inxustificados de criterio, así como a omisión de propostas ou propostas carentes do necesario rigor xurídico, non aparecen avalados por proba algunha desde o momento en que non se dispón de tales informes ou propostas, ou non se concretan cales foron esas propostas que a funcionaria debería omitir e non o fixo”, destaca a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo, quen conclúe que a resolución do Concello se fundamentou “en valoracións eminentemente subxectivas”.

A xuíza asegura que se pretende “trasladar á funcionaria demandante a responsabilidade respecto de decisións adoptadas polos órganos con competencia para iso”, polo que entende que se infrinxiron “os máis elementais principios de responsabilidade e culpabilidade”.

O Concello recorrerá

O Concello de Lugo manifestou xa o seu total desacordo coa sentencia do Contencioso Administrativo e anuncia que presentará un recurso á mesma. Dende o equipo de goberno lembran que a decisión da remoción a esta traballadora municipal se baseou no cumprimento inadecuado das funcións atribuídas ao seu cargo, que estaba a frear unha xestión como é a da Area de Persoal, que afecta á totalidade da actividade administrativa municipal.

“Proba disto, e a evolución do traballo que se foi desenvolvendo desde a súa remoción, como é a aprobación dunha RPT, pendente desde o 2006, a convocatoria e a materialización das distintas Ofertas Públicas de Emprego, a elaboración de bases para a provisión de postos de traballo e a creación de bolsas de emprego de 42 categorías profesionais, accións todas elas que foron permitindo ir dimensionando os distintos departamentos municipais”, asegura o Concello nun comunicado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com