O Concello promove a creación dun novo polideportivo multidisciplinar no futuro barrio ecolóxico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e do arquitecto Javier Ferreiro, presentou hoxe o proxecto Lugo Sport Life, co que o executivo municipal promove a construción dun novo pavillón multidisciplinar para atender a elevada demanda de instalacións deportivas na cidade. 

Así mesmo, segundo explicou a rexedora, “esta iniciativa nace coa vontade de acompañar o desenvolvemento do programa LIFE Lugo+Biodinámico, pois a infraestrutura situarase no entorno do novo barrio multiecolóxico da Garaballa e construirase seguindo os criterios de sustentabilidade e aforro enerxético que persegue esta programación e que caracterizan o deseño das cidades verdes do futuro na loita contra o cambio climático”. 

Neste senso, Lara Méndez explicou que “o novo polideportivo compartirá moitas das premisas do edificio Impulso Verde, pois o seu deseño seguirá os principios de eficiencia, sustentabilidade e innovación que marcarán o desenvolvemento da arquitectura nos vindeiros anos. Será un pavillón de liñas contemporáneas, no que a madeira será protagonista, adaptándoa para uso tanto na fachada como na estrutura, e que poñerá especial énfase nas percepcións que o espazo físico transmite ao usuario, primando a iluminación natural e a continuidade entre exterior e interior, buscando unha integración plena na contorna”.  O orzamento estimado deste proxecto é de 2.940.000 euros. A parcela na que se construirá o novo pavillón, de titularidade municipal, sitúase ao carón da Rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas, e ocupa unha superficie de 3.490,60 m2.

Miguel Fernández explicou que “a demanda de espazos para practicar deporte en interior é cada vez maior na cidade, de aí a necesidade de promover un proxecto ambicioso co que ofrecer ás e aos lucenses unhas instalacións modernas e de calidade para o futuro. Actualmente, atopámonos cunha falta de dotacións para dar cabida á crecente demanda, sobre todo dos deportes de balón e de ximnasia rítmica, pois esta modalidade deportiva precisa dunha determinada altura, polas súas características de competición”.

Neste senso, o novo polideportivo disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe. Así, ofrecerá a posibilidade de albergar competicións de: fútbol sala, baloncesto (2 canchas), balonmán, minibasket (4 canchas), voleibol (4 canchas), bádminton (4 canchas), ximnasia rítmica ou outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social. 

A maiores, o proxecto contempla un sistema de bancada retráctil para todo o complexo, acompañado de dúas pequenas bancadas laterais fixas, podendo albergar un aforo de case 1.000 espectadores segundo a configuración. Este sistema confire gran versatilidade á hora de ofrecer distintos espectáculos deportivos: segundo a modalidade deportiva recolocaranse as bancadas, ao mesmo tempo que se aumenta ou diminúe a súa capacidade; e, dado o caso, tamén existirá a posibilidade de recoller todas as bancadas para aumentar o espazo dispoñible para calquera evento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com