O Concello regulará a actividade extractiva forestal cunha Ordenanza de Corta e Saca da Madeira

Lugo disporá en 2020 dunha normativa específica para velar pola protección e conservación das vías públicas municipais, en relación coas operacións forestais de corta, saca, depósito e transporte de madeira, logo de que esta mañá o executivo local aprobara o proxecto de Ordenanza.

No propio documento faise constar xa a necesidade de compatibilizar o aproveitamento forestal coa conservación das dotacións públicas, a preservación do medio e a protección da paisaxe ante a importancia que ten o sector forestal extractivo e a incidencia desta actividade no termo municipal.

Deste xeito, o novo marco legal servirá para regular a devandita actividade non considerada de autoconsumo, establecendo un procedemento de autorización, as obrigas e prohibicións para as persoas responsables, o depósito de garantías que cubran os posibles danos así como a tipificación das infraccións e sancións a aplicar.

“Segundo a Ordenanza, a partir de agora, para realizar tarefas de corta e saca de madeira en terreos con plantacións forestais pertencentes ao municipio, será obrigatorio presentar no rexistro unha solicitude de autorización por escrito, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio dos traballos. Unha petición na que deberán figurar,  entre outros datos, a identificación do titular e a catastral  das leiras ou montes afectados, os lugares escollidos para o depósito da madeira á espera da súa carga, os camiños a empregar nas operacións de saca e transporte da mesma e o listado dos vehículos e maquinaria a utilizar no operativo, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado dos viais públicos que se usarán e unha copia da póliza de seguro de responsabilidade civil en vigor”, explicou Miguel Fernández.

O responsable de Medio Rural indicou tamén que a administración dará contestación, favorable ou desfavorable, nun prazo máximo de 15 días e, transcorrido ese período sen notificar, a autorización considerarase concedida.

En canto ás obrigas das madereiras, estas pasan por limpar, retirar ou eliminar todos os restos forestais procedentes da corta e saca e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden no mesmo estado que tiñan inicialmente.

“Ademais deberán tratar os restos forestais nas parcelas obxecto do aproveitamento para minimizar o risco de incendios, dando prioridade aos tratamentos que supoñan a incorporación destes ao ciclo produtivo forestal ou ao aproveitamento da biomasa forestal  (pellets, leña, etc.), así como retirar todos os refugallos non vexetais para os lugares autorizados e repoñer ao estado anterior os accesos e ramplas abertas para facilitar a entrada aos predios ou montes. Igualmente terán que sinalizar as zonas da realización dos traballos e as de acopio e responder dos danos ocasionados en todo tipo de instalacións e infraestruturas, como consecuencia das actividades de corta e saca da madeira así como comunicar a finalización dos traballos”, engadiu o concelleiro.

Fernández tamén referiu que quedará prohibido iniciar os labores sen contar cos permisos sectoriais correspondentes, usar as vías e áreas públicas como lugar de depósito de madeira e realizar movementos de terra que, polas súas características, requiran previa autorización.

“Igualmente as empresas deberán depositar unha fianza ou garantía en metálico ou un aval bancario a favor do Concello por cada operación de corta e saca co obxecto de responderen dos posibles danos e prexuízos causados, e non reparados, por mor da actividade. Así, por tonelada de madeira extraída pagarán 0’50€; pola utilización de vías públicas con firme de terra, zahorra ou semellante 500€/Km e 1000€/km polas de formigón, asfalto ou aglomerado, ademais de 800€/km cando existan pontes, pontellas e demais elementos da infraestrutura viaria. Esta garantía deberá depositarse na Tesourería e, no caso das empresas que dentro do territorio municipal vaian realizar numerosas cortas ao longo do exercicio, poderán depositar unha única fianza anual por valor de 10.000 euros. O incumprimento deste requisito pode dar lugar a que a administración suspenda os traballos”, subliñou o edil.

Iso si, toda vez haxan concluído, a empresa poderá solicitar a devolución da garantía que se efectuará nun prazo dun mes, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais que comprobarán o estado de conservación e limpeza das vías e espazos de dominio público local.

Miguel Fernández trasladou tamén que a nova regulamentación tipifica as infraccións, “considerándose grave ou moi grave realizar calquera actividade relacionada coa corta e saca de madeira sen permiso, sen previo depósito da garantía, ou non realizar os traballos necesarios para que as estradas utilizadas se manteñan e queden en perfecto estado, etc… Cuestións, todas elas, que poderán ser sancionadas con multas de ata 300 euros se se consideran leves, de entre 300,01€ e 1.000€ se se cualifican como graves ou, se son moi graves, cunha contía que pode oscilar entre os 1000,01€ e os 3.000€”, concluíu.

Tras ser aprobado hoxe o proxecto de Ordenanza en Xunta de Goberno, este acordo inicial someterase a exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles para que as e os interesados poidan examinar o expediente e presentar as reclamacións ou suxestións que estimen oportunas.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Dec 26, 2019 - 03:37 PM

    Na vida se corta outra árbore no concello de Lugo, xa están poñendo contra pisas. É a rapided dos trámites no concello leva a marcha que leva………

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com