O Concello retirou nas últimas tres semanas 60.000 kg de lixo do Carqueixo

Só entre o 26 de novembro e o 12 de decembro o Concello de Lugo limpou o vertedoiro do Carqueixo nun total de oito ocasións para retirar 59.700 kilos de lixo.

Apenas tres semanas, nas que o persoal do servizo municipal de limpeza tivo que acudir case a diario para eliminar preto de 60 toneladas, fundamentalmente de entullo, procedente da construción.

O edil de Medio Ambiente explicou que “cada un destas xornadas, Urbaser mandou un camión de caixa aberta con pluma e un tractor, ademais dun condutor, un peón e un maquinista para poder separar a gran cantidade de residuos que se atopaban na contorna. Ao final, extraéronse 63 metros cúbicos de materiais diversos e madeiras varias, rodas e plásticos grandes como, por exemplo, persianas”.

Álvaro Santos referiu tamén que segundo os informes trasladados, a empresa concesionaria non só limpou este vertedoiro senón tamén outros situados nos arredores do poboado, no Monte de Santa María de Bóveda e mesmo algún predio afectado.

“O Concello de Lugo actúa á maior brevidade posible cada vez que ten constancia de que se están a orixinar estas acumulacións incontroladas de refugallos, polo que instamos á veciñanza a que, se ten coñecemento delas, nolo faga chegar ben a través do 010, ben mediante a aplicación Liña Verde, para poder atallalas”, solicitou o responsable de Medio Ambiente.

“Neste caso, ademais, en concreto, e vendo o tipo de obxectos que se depositan, todo nos fai pensar que se están deixando alí, de maneira periódica e indiscriminada, para desfacerse dos mesmos evitando o custo que esta operación lles carrexaría se os deixaran nos puntos habilitados para a súa recollida. Polo que tamén facemos un chamamento ao civismo que, para resultar máis efectivo, se acompañará nas vindeiras semanas dun incremento da presenza policial como medida disuasoria pero tamén coercitiva”, engadiu Santos Ramos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com