O Consello de Contas sitúa Lugo no nivel alto de control interno

O informe do Consello de Contas sobre o funcionamento dos sistemas de control interno das entidades locais sitúa o Concello de Lugo no nivel alto de madurez, a máxima categoría establecida polo organismo fiscalizador, que define esta cualificación como a existencia dun control “real e efectivo”.

A avaliación abrangue os exercicios 2021, 2022 e 2023, correspondentes aos últimos anos da anterior lexislatura municipal. Nese período, o Concello dispoñía dun Plan de Control Financeiro, mecanismos de fiscalización previa e auditorías para supervisar a xestión dos recursos públicos.

Lugo figura entre os 26 concellos, dos 259 avaliados, que acadaron a máxima cualificación. O documento tamén constata que a administración local cumpriu coas obrigas de remisión de información en materia de contratación, convenios e control interno.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, destacou que o informe permite analizar con datos obxectivos o funcionamento do Concello durante aquela etapa. “Os mecanismos de control existían, estaban activos e permitían detectar e corrixir as incidencias”, sinalou.

González Abelleira lembrou que o propio Consello de Contas aclara que a existencia de reparos de Intervención non implica necesariamente unha situación de descontrol, senón que pode demostrar que os órganos fiscalizadores están exercendo as súas funcións.

Os socialistas relacionan esta avaliación coa situación económica ao peche da súa etapa de goberno. Segundo os datos da liquidación de 2025, o Concello rexistrou un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros, un remanente de tesourería superior aos 23,3 millóns e unha débeda equivalente ao 17,98 % dos ingresos correntes axustados.

A voceira socialista considera que estes resultados contradín as acusacións de descontrol e falta de planificación utilizadas para xustificar a moción de censura. “Fronte aos relatos interesados están os datos dun organismo independente: deixamos un Concello controlado, cunhas contas saneadas, unha débeda moi contida e proxectos preparados para continuar avanzando”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com