O Festival de Cine Curto de Ribadeo deosenvolverase entre o 6 e o 8 de agosto

O Festival de Cine Curto de Ribadeo celebra esta semana a súa quinta edición cun programa que combina proxeccións, música e unha gala de clausura. O certame, organizado pola asociación Areas Movedizas desenvolverase entre o 6 e o 8 de agosto.

A sección competitiva reunirá oito curtametraxes procedentes de Galicia e Asturias, que se exhibirán o venres 7 de agosto, ás 20.00 horas, no Cine de Ribadeo. As obras, de diferentes temáticas e estilos, competirán tanto polo Premio do Xurado Profesional como polo Premio do Público.

A programación abrirase o xoves 6 de agosto, ás 20.00 horas, no parque de San Francisco, cunha sesión ao aire libre na que se proxectarán as curtametraxes gañadoras das catro edicións anteriores: Una historia azul, de Mónica Arnanz; Nena, de Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias; Esto no es Noruega, de Paco Cavero e Alicia Albares; e Monstera, de Diego R. Aballe.

A xornada inaugural completarase cun concerto de O Xoán, o proxecto musical do actor Xoán Fórneas, que exercerá ademais como padriño desta edición do festival. O intérprete foi recoñecido co Premio Mestre Mateo pola súa interpretación de Castelao na película Antes de Nós.

A clausura terá lugar o sábado 8 de agosto, ás 20.00 horas, no Teatro de Ribadeo. Durante a gala entregaranse os premios ás curtametraxes gañadoras e celebrarase un concerto de bandas sonoras a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com