A programación arredor da obra de Uxío Novoneyra combinará poesía, música, conversas e rutas guiadas
A casa natal de Uxío Novoneyra, en Parada do Courel, acollerá os días 29 e 30 de agosto unha nova edición do Festival dos Eidos. O encontro está promovido pola fundación que leva o nome do poeta e as actividades estarán centradas na traxectoria do autor e no poemario Os Eidos.
A xornada do sábado comezará cunha ruta ornitolóxica guiada por Xabier Vázquez Pumariño. O programa inclúe tamén unha lectura comentada do poemario na que participarán Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, un recital de Olga Novo e Su Garrido Pombo e unha conversa entre Antón Lopo e Alberto Lema.
O recital central reunirá a Olalla Cociña Lozano, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti. A parte musical estará protagonizada polo grupo Moura e por sesións de Jas Processor e DJ Tristón.
O domingo, Inacio Vilariño conducirá dúas rutas pola memoria democrática de Parada do Courel, previstas para as 11.00 e as 12.30 horas.






