" />

O Fiouco estrea balizas intelixentes que reducirán nun 78% os peches de tráfico na A8

Ata un 78% menos de cortes do tráfico no Fiouco en días de néboa. Eso estima a Dirección Xeral de Tráfico que terá como resultado a instalación das novas balizas intelixentes que a DXT instalou no treito Mondoñedo – Abadín da Autovía do Cantábrico (A8).

Un novo sistema que xa superou as probas previas e que hoxe foi presentado polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen explicou que con estas novas baliza de cada catro peches de autovía que se rexistraron o pasado ano, este 2022 se realizará só un. Un sistema pioneiro nas vías de toda Europa xa que poderá ser extrapolable a outras situacións análogas.

José Miñones presentou o novo sistema, no que a DXT-Ministerio do Interior investiu 873.127,15 euros e que se executou nestes últimos meses. Á presentación asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o subdirector xeral de Movilidad e Tecnoloxía da DXT, Javier Ordás, ademais de responsables de Tráfico en Galicia e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Sistema de balizas

O delegado lembrou que, agora, cando se alcanzan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automaticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo. “Coas balizas novas operativas, este limiar mínimo de visibilidade pasa a 30 metros, o que incrementa significativamente o
tempo operativo da vía”.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, desde setembro de 2014, a novembro de 2021, a autovía permaneceu pechada neste tramo durante 3.281 horas. Coas novas balizas operativas, a afección reduciríase a 722 horas.

O sistema consta de 372 balizas nas marxes externas en sentido ascendente e descendente e separadas 50 metros entre si. As balizas detectoras consisten nun corpo físico con dúas xanelas, a da parte inferior con leds ámbar e a superior con leds vermello, sobre un poste de 1,50 metros sobre a calzada.

Os bloques de luces leds ámbar e vermello que se van acendendo conforme pasan os coches, para advertir aos que veñen detrás á vez que sinalizan as marxes da vía. Así se sinaliza non só a vía senón tamén a presenza doutros vehículos na mesma.

O delegado do Goberno insistiu hoxe na aposta do Goberno de España por facer da autovía do Cantábrico unha vía segura e aberta totalmente ao tráfico combinando as innovacións en seguridade viaria coa implementación das solucións experimentais de apoio á condución e de miniminación das néboas: “unhas solucións marcadas por un denominador común: a innovación”, insistiu.

Así, lembrou que desde o ano 2015 o Goberno investiu 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste tramo. O Ministerio do Interior, a través da DXT, investiu 4,4 millóns de euros en diferentes sistemas de axuda á condución e seguridade viaria, como o sistema automático de desvío, sensores meteorolóxicos, balizas led,
pantallas de visualización, etc. A este investimento hai que sumar os 5,6 millóns do Ministerio de Transportes, para o desenvolvemento de medidas de axuda á condución e dispersión da néboa a traves do proceso de compra pública precomercial. José Miñones lembrou que nestes momentos o Ministerio atópase na fase de avaliación dos prototipos que se probaron o ano pasado sobre o terreo e cuxas probas finalizaron o pasado decembro.

Concluíu que a unión destas medidas coas solucións técnicas que determine o Ministerio de Transportes, “non só reducirá os peches senón que, cando haxa néboa, os condutores e condutoras poderán dispoñer de máis referencias para ter unha travesía máis segura”, explicou o delegado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo