" />

O Futuro da Galicia e o rural, a debate na II Asemblea Nacional da FRUGA

O presidente da Federación Rural Galega, Xurxo Álvarez, e o responsábel de sectores gandeiros, Elías Somoza, presentaron en rolda de prensa a II Asemblea Nacional prevista para o 29 de marzo no recinto do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, baixo o lema “O Futuro da Galiza é Rural”.

Xurxo Álvarez manifestou que “FRUGA xa ten acadado un lugar entre as Organizacións Profesionais Agrarias na Galiza (OPAs) e, cada vez máis, nos problemas que xorden nos sectores agrogandeiros do país. Somos un referente para os labregos e labregas”. Ao fío da actualidade, marcada pola multa de 88 millóns ás industrias leiteiras,  indicou “que para o sector produtor a solución aos seus problemas non se encontra en que as industrias paguen multas por pórse de acordo nos prezos, se non en que as industrias nos paguen un prezo xusto polo noso leite e en que interveña a administración como garante de que se cumpran os acordos no marco dunhas negociacións entre iguais”.

Ademais, Elías Somoza aproveitou para reclamar que os “contratos homologados se cumpran co obxectivo de que lles permitan saber aos labregos e labregas a como van cobrar a produción e ter garantías da recollida”. Sinalou tamén que “o recoñecemento que dá a Administración galega á FRUGA debe materializarse xa coa presenza de representantes deste colectivo nas mesas de negociación”.

“Coa chegada de Feijoo ao Goberno, o rural galego padeceu unhas políticas tremendamente agresivas, derivadas dunha acción política presidida polas teorías máis neoconservadoras e neoliberais, o que implica unha acción planificada de destrución do tecido social rural, que ten a súa mostra máis evidente na constante desaparición de unidades produtivas agrarias e no abandono do rural. En definitiva, estas políticas están a provocar pobreza e desertización da maior parte do territorio galego, o que se dá en chamar a crise demográfica”.

Cuestionaron ademais o modelo das desiguais relacións coas empresas ás que lle venden os produtos. “Se antes, cando dirixía o nacionalismo a Consellería do Medio Rural, existían unhas mínimas regras de mercado, como os contratos homologados e estes eran negociados en mesas creadas ao efecto, o Goberno de Feijóo optou por deixar actuar libremente as empresas para que impoñan as súas condicións sempre en detrimento dos intereses de produtores e produtoras”.

A efectos organizativos, a asemblea decorrerá entre as 10:30 e as 14:30 horas, para dar paso a un xantar de convivencia. Haberá transporte colectivo desde as distintas comarcas.

Os interesados en participar nesta xornada de debate poden pórse en contacto con FRUGA no 681.027.859 e en lugo@fruga-galiza.org

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo