O Garañón podería desaparecer o vindeiro ano

Confirmárono hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Sustentabilidade Urbana, Alvaro Santos: o Concello de Lugo demolerá as torres do Garañón o vindeiro ano. Unha conta atrás que o Goberno de Lara Méndez inicia coa determinación de converter o espazo que agora ocupa o esqueleto da construción nunha nova zona verde que dea continuidade ao Parque de Rosalía.

Para realizar esta actuación, o Goberno local pretende levar ao vindeiro pleno unha iniciativa de modificación de crédito por importe dun millón de euros, para dedicalos á demolición, esa é a cifra máxima calculada polos técnicos municipais do custe desa actuación. Así o informou o concelleiro de Sustentabilidade Urbana que adiantou que, tendo en conta que a demolición se pode realizar por diferentes métodos – manual, mecánica, combinada, ou incluso voadura controlada – enténdese axeitado licitar a obra a través dun contrato mixto de redacción de proxecto e execución da demolición, xa que diminuiría o custo da operación que, de maneira estimativa, alcanza os 969.641 €.

“Cómpre polo tanto habilitar unha partida por ese importe, o que depende da decisión do Pleno para autorizar a incorporación do crédito, ao que agardamos, en prol do interese xeral, amosen a súa conformidade”.

O Goberno local responde así as diferentes sentenzas xudiciais que lle obrigan a tirar as torres do Garañón o que, doutra banda, permitirá a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para establecer a zona da construción como zona verde. 

“Trátase de dar cumprimento a un ditame xudicial que anula a licenza outorgada no seu día para permitir a construción, pero tamén de acatar a vontade da Corporación – ao abeiro do acordo plenario alcanzado en novembro de 2018 – para que esa modificación puntual prevista da Unidade de Actuación CS-5 (URPI 58 no PXOM) conxugase a menor incidencia económica posible para as arcas municipais coa conversión en zona verde da maior superficie posible e tamén procurando que, en caso de que existira, a edificabilidade resultante xerase o menor impacto visual”, explicou a alcaldesa.

Así o ano pasado foi adxudicada á empresa GAU Arquitectura e Urbanismo unha asistencia técnica para que elaborase un estudo de alternativas que seguiran esas tres premisas, do que saíron catro solucións que van dende a conversión de todo o espazo en zona verde até un porcentaxe de edificación menor ao que ocupa agora o Garañón, que é o máximo permitido polo Plan Xeral.

A Xunta de Goberno de mañá validará a denominada como Alternativa 0 sendo esta – segundo sinalou Álvaro Santos – a que implica eliminar o aproveitamento lucrativo en todo o ámbito, manténdose, non obstante, as cesións existentes de equipamentos que se sitúan en conexión co viario interior das costas do parque e a explanada no pavillón para optimizar a súa funcionalidade e versatilidade.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Xuñ 15, 2021 - 11:11 PM

    A ver si aí sorte!!!!

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com