O GMPP esixe o arranxo dunha fuga de augas fecais na rúa da Rocha

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide esixiu esta mañá ao goberno municipal que proceda ao arranxo “urxente” dunha fuga de augas fecais en rúa da Rocha, vía paralela á Duquesa de Lugo e nas inmediacións do Río Rato.

Tal como explicou o popular, “trátase dun problema que os veciños da zona levan sufrindo moitos meses”, polo que insta aos socialistas a “unha solución definitiva”, posto que “a situación agravouse tras a forte tormenta do xoves pasado”. Nesa liña, Antonio Ameijide indicou que “é unha situación que periodicamente se repite, cada vez que se produce unha tromba ou se suceden varios días con chuvias”.

Deste xeito, o responsable de Infraestruturas do Grupo Municipal do Partido Popular apuntou que “ademais do olor nauseabundo que se desprende desta arqueta que continuamente se levanta, tamén saen augas fecais e residuos que contribúen a que o impacto sexa máis forte”.

Por último, Ameijide detallou que “non se trata só do risco de contaminación da zona e do cauce, senón que tamén está a destrozar o paseo do Rato e a provocar unha notable situación de insalubridade”. Asemade, indicou que “ao evidente malestar dos veciños por esta circunstancia que viven engádese o seu descontento polo feito de non teren sido recibidos por parte de ningún membro do goberno”

Doutra banda, a concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Isabel Devesa criticou hoxe que “un ano despois de rematada a folga de lixos, o goberno municipal non descontase o importe proporcional aos días en que non se prestou servizo. Dacordo co recibo emitido estes días e cargado hoxe nas contas bancarias dos lucenses, por quinta vez non se procedeu a reducir o custo a pesar de que existe un acordo plenario promovido polo Partido Popular e adoptado por unanimidade no pleno de xullo de 2014 no que ínstase o goberno a realizar esta modificación”, sinalou a popular.

Isabel Devesa cualificou de “inxustificable, inadmisible e incomprensible” que no documento de cobramento correspondente a este último trimestre “tampouco se compensase economicamente aos lucenses polo servizo que non tiveron os 59 días de folga que mediaron entre o 9 de xuño e o 7 de agosto de 2014”.

Asemade, a popular afirmou que “estamos a falar de que cando faltan só dous días para que se cumpra un ano do fin da folga de lixos máis longa da historia dunha cidade española os lucenses seguimos pagando dobremente as consecuencias deste parón tan lamentable dende o punto de vista económico, de imaxe para a cidade e das propias condicións en que se presta o servizo”.

Por último, Devesa afirmou que “nunha das últimas comisións o goberno municipal baseaba a súa decisión de non o descontar aínda en que era necesario realizar comprobacións nas facturas remitidas por Urbaser ao Concello durante os días que durou a folga”.

Vemos que pasa o tempo e o goberno municipal quedou sen escusas para non adoptar unha decisión que o que está claro é que non están dispostos a tomar”, sentencia a edil popular, quen afirma que “o que prefire este novo goberno local é seguir amparando a Urbaser, como o anterior, en lugar de aos lucense”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo