" />

O GMPP pide a unanimidade do pleno para a creación da comisión sobre o Garañón

O voceiro popular Jaime Castiñeira pediu esta mañá unanimidade ao pleno para a creación dunha comisión sobre o Garañón “que garanta a defensa dos intereses dos lucenses ante a posible responsabilidade patrimonial do Concello derivada da sinatura do convenio e o desenvolvemento urbanístico da CS-5 e o seu entorno”.

“O obxectivo último é que as torres do Parque se poidan demoler sen que isto lles custe un só euro a todos os veciños”, para o que resulta fundamental que se antepoñan aos intereses dos lucenses, algo que o PSOE e o goberno local non poden garantir por seren os responsables”, sinalou Castiñeira.

Nesa liña, expuxo que “tendo en conta o nivel e o grao de implicación dos concelleiros socialistas, como máximos culpables, isto non queda garantido, tendo en conta que se pode producir un conflito de intereses evidente entre a defensa dos seus intereses particulares, como persoas que asinaron o convenio e todos os trámites urbanísticos, e os xerais de todos os lucenses”.

O voceiro popular lembrou que  “outro edil actual é familiar en primeiro grao doutro exconcelleiro que avalou todo o proceso, mentres que“o resto de concelleiros pertencen ao partido político responsable disto”. Jaime Castiñeira sinalou que “mañá durante o debate da iniciativa do Partido Popular verase de que lado están os concelleiros dos outros cinco grupos municipais e que intereses defenden, se os dos lucenses ou ben os dun partido político concreto e incluso os seus persoais”.

“Só se podería entender que votasen en contra desta proposta aqueles que non poñen por riba de todo os intereses xerais dos lucenses e, por iso, será algo que teñan que explicar”, afondou. O popular destacou que “en definitiva, estamos diante dunha oportunidade no primeiro pleno deste mandato para sentar as bases para dar solución ao problema que provocou o PSOE en 2005 e que, dende entón, viñemos arrastrando”.

No pleno de mañá, os populares tamén solicitarán do goberno municipal a actualización da ORCA (Ordenanza de Contaminación Acústica) a partir da elaboración dun mapa de ruídos, logo de que dende a aprobación inicial da última proposta do goberno socialista “non se dera ningún paso e nin sequera se responderan ás alegacións que diferentes colectivos e particulares rexistraran a este documento”.

Con esta proposición, os populares pretenden ao mesmo tempo, que o Concello atenda a recomendación xudicial de actualizar este documento logo do conflito xurdido con respecto ao San Froilán. Por último, os populares reclamarán que non se volvan producir peches dos centros sociais en fin de semana, para o que proporán ao pleno,  ademais de unificar os horarios destas instalacións, que se adopten todas as medidas oportunas que eviten que esta situación se reproduza.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo