O Goberno da Deputación aproba novos investimentos por valor de máis de 2,6 millóns

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este xoves dos asuntos da última Xunta de Goberno do 2016 e detallou os investimentos de máis de 2,6 millóns de euros aprobados. Campos Conde subliñou que “con esta nova inxección económica na provincia buscamos mellorar infraestruturas e dotacións públicas nos Concellos; dinamizar o rural coa organización de novas actividades culturais e deportivas, así como contribuír ao desenvolvemento das que realiza o conxunto do tecido asociativo; ou facilitar a posta en marcha en Lugo de destacados proxectos, que axuden a potenciar o sector turístico e, en xeral, a economía da nosa provincia. Son investimentos de distinta índole cuxo obxectivo último é o de responder ás necesidades dos lucenses, dende unha Deputación que está a carón das persoas”

1,6 millóns para mellorar infraestruturas e dotacións públicas en 8 Concellos

Contratáronse as obras de mellora na LU-P-2801 de Santo Tóme, por San Adriano, e Augaxosa a Mazo, no Concello de Lourenzá, por valor de 178.000. Con este orzamento, o Goberno da Deputación mellorara un treito de máis de 3 quilómetros.

Asemade, adxudicáronse as melloras na LU-P-0403 por Rego de Pereira a Quintá, no Concello de Baleira, por valor de 53.000 euros. Con este orzamento, o Goberno da Deputación mellorara un treito de 1,2 quilómetros.

Aportase un millón de euros para humanizar e desdobrar a avenida Duquesa de Lugo, no Concello lugués. Son 500.000 euros este ano; 350.000 no 2017 e 150.000 no 2018.

Invístense 36.000 euros na dotación dunha depuradora no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros, no Concello de Xermade.

Tamén se fará unha achega de 31.200 euros para mellorar o abastecemento de auga na parroquia de Vilarxoane, no Concello da Pontenova.

28.500 euros destinaranse a actuacións de mellora no centro socio cultural e biblioteca municipal do Concello de Pol e 24.800 euros a melloras en accesos públicos e cometidas de auga en núcleos rurais do Concello de Navia de Suarna.

O Executivo Provincial acordou adiantar 225.000 euros ao Concello de Monterroso para iniciar as obras de rehabilitación do edificio anexo á residencia e centro de día público e transformalo nun centro de atención a dependentes asistidos. E outros 60.000 euros para á dotación de alumeado público ao campo de fútbol de Monterroso.

Axudas culturais e deportivas aos Concellos de 225.000 euros

Destínanse 77.000 euros para a execución de pequenas obras ou da compra de equipamento en instalacións públicas culturais de 64 Concellos, que foron os que se sumaron a esta programación, que o Goberno da Deputación decidiu ofrecer a todos os Concellos de menos de 20.000 habitantes, distribuíndo o seu orzamento en base á superficie, poboación, núcleos de poboación, esforzo fiscal e aos equipamentos culturais de cada municipio.

Resolvéronse as axudas por valor de 77.200 euros para a organización de actividades culturais en 65 Concellos, que foron os que se sumaron a esta programación, que o Goberno da Deputación decidiu ofrecer a todos os municipios de menos de 20.000 habitantes, distribuíndo o seu orzamento tamén aos anteriores criterios.

Resolvéronse axudas que ascenden a 71.643 euros para actividades deportivas en 59 concellos, que foron os que se sumaron a esta programación, que o Goberno da Deputación ofrecera a todos os municipios de menos de 20.000 habitantes, distribuíndo o orzamento cos mesmos criterios que nos de cultura .

 538.000 euros para colectivos culturais e deportistas

Resolvéronse as subvencións de concorrencia competitiva de 400.000 euros, que reciben un total de 527 colectivos de índole cultural da provincia para o desenvolvemento de programacións na provincia. Así como as axudas de 75.000 euros para deportistas individuais, que reciben un total de 250 profesionais da provincia.

Tamén quedaron resoltas as axudas dun montante de 45.000 euros para corredores de rally, que reciben un total de 22 profesionais da provincia.

O Club Deportivo Castro recibirá 18.000 euros ao para colaborar nos custos pola súa participación na 3ª División Nacional.

165.000 euros para proxectos en impulso do turismo na provincia

Invístense 99.000 euros na organización da edición número 12 dos Xogos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que acollerá a provincia lucenses no mes de xullo, e coas que tamén colaboran os Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria.

Colaborarase con 26.000 euros no proxecto que busca acadar a candidatura de Xeoparque Mundial por parte da UNESCO das Montañas do Courel. É unha iniciativa, que promoven os Concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel.

Achéganse 40.000 euros para a organización dun congreso nacional na provincia de Lugo sobre prácticas ecolóxicas en colaboración coa SEAE.

 Colaboración de 90.000 euros para colectivos da provincia

Eses 90.000 euros repartiranse do seguinte xeito:  40.000 euros para a Protectora de Animais e Prantas de Lugo; 25.000 euros para a mellora das instalacións da Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios. Tamén se conceden 25.000 euros para o desenvolvemento de proxectos e actividades culturais á Fundación Uxío Novoneyra

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com