O Goberno da Deputación inviste 130.000 euros no Resurrection Fest, que xera 11 millóns e 1.000 empregos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o fundador do Resurrection Fest, Iván Méndez, visitaron este xoves as instalacións nas que se vai desenvolver o festival de música metal e rock máis importante de España desde o 5 ao 8 de xullo. Campos Conde adiantou que “un ano máis apostamos por este festival, convertemos á Deputación de Lugo na institución que máis colabora con esta cita. Facémolo cunha achega económica de 130.000 euros”.

Darío criticou que “uns só están para a foto mentres outros traballamos pola provincia con feitos”, aludindo así a José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, xa que esta administración, ata o momento,  non confirmou colaboración económica directa algunha para esta cita.

O Resu supón un impacto económico de 11,2 millóns de euros, ao tempo que xera arredor de 1.000 empregos de xeito directo e indirecto. Neste intres, xa colga o cartel de ocupación hoteleira ao 100% na zona. Iván Méndez destacou que están a punto de esgotar as entradas, pois quedan menos de 1.000, e avanzou que se espera a chegada de 90.000 espectadores  nestes catro días, procedentes duns 30 países.

O Concello pon á disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). A organización ten máis propostas: Beachcamp,  unha zona de acampada á beira da praia de Area, o Resucamp: Cámping a escasos metros da entrada ao festival, a praia de Celeiro, e a Área Cámping,  con todas as necesidades cubertas.

A XII Edición do Resurrection Fest arranca o día 5 de xullo, haberá 4 escenarios temáticos e 100 bandas no festival de música extrema, que xa é unha referencia mundial. Soarán bandas de referencia como Rancid, Mastodon, Anthrax, Dropkick, Murphys, Sabaton ou Airbourne. O Resu gañou o Premio Fest 2016 na categoría ao mellor formato grande a nivel nacional. Este galardón é o único que existe en España adicado aos festivais de música.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com