O Goberno local esixe á Xunta nunha moción que manteña as dotacións educativas do Sagrado Corazón e abra novas garderías na cidade

O equipo de goberno defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción na que esixirá á Xunta que tome as medidas precisas para o mantemento das dotacións educativas do barrio do Sagrado Corazón, recollendo as reivindicacións veciñais e dos pais afectados, así como a creación na cidade de novos centros públicos de educación infantil co fin de atender a demanda existente, garantir a igualdade de oportunidades, e favorecer a conciliación laboral e familiar.

Así o anunciou a Alcaldesa, Lara Méndez, que compareceu na propia gardería Sagrado Corazón, instalacións que visitou acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o presidente da asociación veciñal Porta de Lugo, José Manuel Carballo, e pais afectados polo peche do centro.

A situación da gardería do Sagrado Corazón foi unha das primeiras cuestións que abordou Lara Méndez tras tomar posesión. Mantivo encontros con representantes da asociación veciñal Porta de Lugo e de ABANCA co obxectivo de artellar unha solución que garanta a continuidade do centro.

Así mesmo, o Concello de Lugo apoiou as mobilizacións dos pais afectados e defendeu ante o Padroado da Fundación ABANCA a postura dos veciños contra o peche da escola, que avalan 5.000 sinaturas, recollidas polas familias afectadas en só dúas semanas.

“Vamos a loitar porque se manteña este servicio educativo para nenos de 0 a 3 anos, para o que hai demanda, nunhas instalacións que ademais se encontran en perfecto estado e son un luxo, con salas individualizadas para cada franxa de idade, e para cada actividade, educación, lecer descanso… polo que sería unha inxustiza que, habendo tanta necesidade, se peche este centro”, subliñou a Alcaldesa, quen confía en que todas as forzas políticas apoien a iniciativa plenaria do Goberno.

Lugo conta con dous centros de titularidade autonómica –en Paradai e A Milagrosa-, que teñen 290 prazas, e 274 nenos e nenas en lista de espera, na súa maioría de rapaces de entre 2 e 3 anos. “A única medida anunciada pola Xunta foi o concerto de 13 prazas en garderías privadas –de 500 en toda Galicia- para darlle solución á lista de espera da rede pública de escolas infantís, o que consideramos totalmente insuficiente”, subliñou a rexedora.

Pola súa banda, o presidente de Porta de Lugo denunciou que “se está intentando o peche” da gardería “manipulando con mentiras, pois estase a afirmar que é preciso facer investimentos para manter os locais, cando se pode ver que están en perfecto estado. Tamén se está mentindo cando se di que só hai 11 nenos na gardería. Estes serían soamente os que pasarían de ciclo, pero quedan 45 prazas por cubrir se se abrise a matrícula”.

“Hai posibilidade de facer rendible esta gardería, pero necesítase ganas de facer cousas, de poñer en marcha unha Obra Social dentro de ABANCA que funcione”, incidiu Carballo, quen instou á entidade bancaria “que diga o que quere facer, pero sen mentiras”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com