O Goberno formaliza a cesión gratuíta da antiga Escola de Enfermería á Xunta

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a sinatura do convenio polo que o Goberno cede á Xunta de Galicia o uso do edificio da antiga Escola de Enfermería. O convenio polo que se formaliza a cesión foi asinado polo director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, en representación do Estado, e por Socorro Martín, secretaria xeral técnica e do Patrimonio da consellería de Facenda.

A subdelegada do Goberno explicou que o Goberno demostra, unha vez máis, o seu compromiso cos veciños de Lugo e o seu decidido apoio á creación de novas dotacións no barrio da Residencia, coa cesión gratuíta, de novo, por parte do ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e sen ningún tipo de contraprestación dos terreos que son propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Rodríguez lembrou, ademais, que o Goberno deulle á Xunta dúas subvencións por importe total de 1.227.200 euros, cartos cos que o Executivo cofinancia a creación da nova Oficina de Emprego de Lugo no barrio da Residencia. Concretamente, o SEPE concedeulle á Xunta unha primeira subvención por importe de 702.000 euros e posteriormente outorgoulle unha segunda subvención por importe doutros 525.200 euros.

O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, pola súa parte manifestou que “a propiedade destes terreos foi financiada coas cotizacións dos traballadores á Seguridade Social, así que non se me ocorre mellor destino para eles que éste, que poidan ser utilizados para buscar emprego a aqueles traballadores que carecen de él e a facilitar prestacións aos que non poden acceder a un emprego digno”.

A Tesourería Xeral da Seguridade Social cede gratuitamente o inmoble da antiga Escola de Enfermería para destinalo a Servizo Público de Emprego por un prazo de 20 anos, prorrogable, tal como establece o convenio. Tamén se estipula que a cesión queda condicionada a que o edificio se destine ao fin para o que é cedido no prazo de un ano.

A Xunta de Galicia queda obrigada a facer mención de que se trata dun ben cedido gratuitamente polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social-Tesourería Xeral da Seguridade Social tanto nos medios de identificación externa do edificio como na difusión que faga da actividade que se vai desenvolver no inmoble. Así o recolle unha das cláusulas do convenio asinado hoxe polo Goberno e a Comunidade Autónoma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com