O Goberno local “non permitirá” a negativa da Xunta á Intermodal

A Xunta vén de dicir non á Estación Intermodal de Lugo ao rexeitar o protocolo proposto polo Ministerio de Fomento para o desenvolvemento dunha estación intermodal na cidade. Así o explicou o goberno local que asegurou que o goberno autonómico “quere paralizar de novo a intermodal, como xa fixo no 2012, buscando escusas para non poñer por escrito o seu compromiso”. Un feito que criticou duramente a rexedora da cidade, Lara Méndez quen lembrou que está en marcha a elaboración do anteproxecto cunha valoración económica de 30 millóns de euros.

A negativa da Xunta a validar este documento faría que Lugo quede fora do mapa da alta velocidade e que sexa a única gran cidade galega sen unha intermodal. Segundo afirmou a rexedora, o Partido Popular mantivo durante a súa etapa de 7 anos no Goberno no Estado e dende que goberna na Xunta “unha vontade política de total bloqueo a esta infraestrutura” que é estratéxica para Lugo, pois pon ao municipio no mapa da alta velocidade, o que garantirá a vertebración do territorio, a mobilidade da cidadanía e o desenvolvemento socioeconómico.

Así, o Executivo do PP en Madrid suspendeu no 2012 a redacción do proxecto básico e constructivo da intermodal que un ano antes adxudicara o Ministerio de Fomento dirixido polo socialista lucense José Blanco, tras a sinatura dun protocolo co Concello no 2010 para a implantación desta infraestrutura. “O Partido Popular meteu este documento nun caixón e anulou o proxecto da intermodal con nocturnidade e aleivosía, pois a cidadanía non soubo ata dous anos despois a verdade, que destapou o PSOE con preguntas no Senado”, explica Lara Méndez.

O comportamento do Partido Popular na Xunta durante a última década, segundo o Goberno local, foi “idéntico”. “Feijóo pasou de prometer na campaña electoral de 2009 que a Xunta financiaría a intermodal se el presidía ao Goberno autonómico a esquecerse totalmente do proxecto. E iso, a pesar de que foi un dos asuntos que lle expuxo a Alcaldesa nas reunións que mantiveron ao longo do mandato”. Lugo foi así a única grande cidade galega á que a Xunta non destinou nin un só euro para a intermodal nos presupostos, máis aló dun estudo previo de viabilidade de 75.000€. Nos orzamentos deste 2019 ten consignados una partida de só 30.000€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com