A Deputación inicia a mellora dun novo tramo da estrada que une A Fonsagrada con Navia

A Deputación de Lugo iniciou esta semana as obras de acondicionamento dun novo tramo da estrada provincial LU-P-1901, que conecta os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna. A actuación conta cun investimento de 297.427,07 euros e permitirá rehabilitar algo máis de tres quilómetros, entre os puntos quilométricos 6,430 e 9,537.

Os traballos, executados pola empresa Cholo SL, teñen un prazo de realización de catro meses. O proxecto inclúe a reapertura e limpeza das cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e o repintado da calzada mediante marcas viarias reflexivas de cor branca.

A intervención ten como obxectivo incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nunha estrada moi utilizada pola veciñanza da Montaña lucense.

Esta actuación dá continuidade aos proxectos desenvolvidos pola institución provincial na mesma vía, entre eles a mellora do tramo comprendido entre Santiso e Santa María da Fonsagrada. Tamén se acondicionaron outros dous treitos, un entre Cereixido e Santiso e outro entre Queizán e Pin, no concello de Navia de Suarna. Estas últimas obras atópanse xa na fase final de execución.

En total, a Deputación de Lugo leva investidos 780.495,36 euros na mellora da LU-P-1901, co propósito de modernizar esta comunicación entre A Fonsagrada e Navia de Suarna e ofrecerlles aos usuarios unha vía máis cómoda e segura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com