" />

O grupo municipal de ACE-EU levará a Pleno a municipalización do servizo de xestión tributaria

O Grupo Municipal de Alternativa Cidadá de Esquerdas – Esquerda Unida levará a Pleno a municipalización integral do servizo de xestión e recadación tributaria que, actualmente e dende outubro de 2011, corre a cargo da empresa Tribugest. A concesión deste servizo era por tres anos aínda que permitía prórrogas dun ano cada unha pero sen exceder os 6 anos, polo que este outubro remataría o contrato. O voceiro de ACE- EU, Carlos Portomeñe, cualificou este servizo de “trascendental”, e considerou que “a recadación e xestión tributaria deben ser públicos”.

Todos os ingresos dependen deste servizo, polo que “unhas das funcións é facer efectivo o deber da cidadanía de forma equitativa e non arbitraria”, dixo Portomeñe, quen asegurou que “pola política do noso partido, unha empresa privada non pode recaudar co rigor que debería”.

Asemade, o voceiro desta agrupación asegurou, que aparte de incumprir a legalidade, este servizo costa ao Concello unha media de un millón de euros anuais, polo que municipalizandoo, o ente local aforraría entre 700 e 800 mil euros anuais, segundo estimacións da agrupación.

Portomeñe denunciou tamén que aínda que se contratou un servizo de “colaboración e asesoramento”, na práctica a actividade real a prestan os traballadores da empresa privada e “é moi dificil saber cando se exceden ou non nas súas funcións”.

Portomeñe recalcou que o actual contrato contempla que toda a información tributaria da que dispón a empresa ao finalizar o seu traballo, pasaría íntegramente ao Concello, polo que o ente municipal “so tería que facer unha previsión de postos de traballo na RPT que está pendente de aceptación”.

Segundo o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, un informe de Tesourería de xullo de 2016 xa falaba destas cuestións e pedía que se creara este posto de traballo no Concello. Ademáis, o Inspector Xefe do Servizo de Inspección de Tributos fixo un informe o pasado setembro que “contempla que é ilegal a privatización deste servizo”. Portomeñe quixo ilustrar estas afirmacións cun exemplo recente, “en xaneiro de 2016 o Tribunas Superior de Xustiza do País Vasco, que dice que a privatización da inspección fiscal dos concellos é ilegal, e polo tanto é unha obriga do Concello recuperar o servizo de inspección, pero nós entendemos que é o momento para remunicipalizar a recadación tributaria do Concello”.

Asemade, o voceiro de ACE lembrou que a adxudicación deste convenio no seu día, fora polémico xa que esta empresa conseguiu a contratación grazas a “Criterios Non Automáticos” que, segundo afirmou Portomeñe, “dependen de xuízos de valor e son os que se usan para as adxudicacións a dedo“; e recordou que a empresa concesionaria Tribugest é obxecto de investigación na Operación Pokemon.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo