O Museo Provincial aborda o papel da gastronomía no intercambio cultural

O Museo Provincial de Lugo acolleu este martes a xornada “Viaxes de ida e volta. O papel da gastronomía no intercambio cultural”, unha iniciativa da Rede Museística Provincial que aborda a relación entre gastronomía, cultura e patrimonio.

A actividade enmárcase no programa de xornadas desenvolvidas nas últimas semanas no Pazo de Tor e en San Paio de Narla e propuxo unha aproximación á evolución da alimentación e ao intercambio cultural a través dos alimentos, as receitas e as técnicas culinarias.

A primeira parte da xornada consistiu nun percorrido polas coleccións arqueolóxicas e artísticas do Museo Provincial guiado polo arqueólogo Enrique Alcorta e o historiador Xavier Castro. Ambos os expertos explicaron as pezas vinculadas á alimentación e analizaron a evolución dos hábitos culinarios ao longo da historia, así como os elementos incorporados ou exportados desde Galicia.

Posteriormente, a actividade trasladouse ao IES San Xillao, onde os cociñeiros Martín Mantilla e Marcos Arufe elaboraron distintas preparacións de fonda tradición galega pero con orixes foráneas, entre elas as papas de millo. Na sesión participaron medio cento de persoas inscritas e alumnado do centro educativo, ademais da deputada de Cultura, Iria Castro.

Pola tarde celebrouse unha mesa redonda centrada en cuestións como a influencia das denominacións de orixe na construción da identidade, a relevancia histórica das rutas gastronómicas ou a evolución da cociña desde as perspectivas literarias de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

No coloquio interviñeron Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez Bartomeu, autoras de traballos de investigación sobre gastronomía tradicional, así como Carlos Brea, representante da Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com