‘O neno e a sombra’ continúa na busca de financiamento

A curtametraxe O Neno e a sombra acada en tan só vinte e dous días, dos corenta que dura a campaña, o seu primeiro obxectivo ao conseguir 6000 euros.

O equipo agradécelles aos 117 mecenas que xa colaboraron con este proxecto as súas achegas económicas e lembra que a campaña de crowdfunding segue aberta ata o día 28 de xaneiro; polo que as persoas que aínda non tiveron oportunidade de colaborar, poden facelo entrando na plataforma Verkami, onde atoparán toda a información necesaria.

En caso de conseguir os novos obxectivos, 6500 e 7000 euros, todos os mecenas recibirán recompensas extras como agradecemento á súa colaboración.

O Neno e a Sombra, dirixida por Xaime Miranda é unha obra baseada no noso patrimonio inmaterial, onde as meigas, o mal de ollo ou os ritos curativos conforman o substrato da historia. Temáticas recurrentes no xénero cinematográfico de orixe británica, coñecido como folk horror, no que se inspira a curtametraxe.

Este proxecto cinematográfico está asesorado polo antropólogo Rafael Quintía e conta cun reparto de alto nivel, con profesionais como Miguel de Lira, Manuel Lourenzo, María Roja ou Diego Anido. Ademais de Xaime Miranda, o equipo está formado polos mariñáns Sabela Blanco, Lucía Ramiro, Uxío Corbelle e Iago Villarino. A banda sonora correrá a cargo de Nuno Pico, músico do Valadouro e membro do grupo Oh! Ayatollah.

Para a realización desta curtametraxe, que será rodada integramente na Mariña, escolléronse  lugares tan suxestivos coma as aldeas de Vilarxubín e San Pedro de Bogo, ambas no concello de A Pontenova, ou a contorna da Fraga Vella, unha zona de gran singularidade paisaxística.

Sobre a campaña de crowdfunding e sobre este proxecto audiovisual pódese obter máis información na páxina de Verkami e nas redes sociais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com