Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O Partido Popular cualifica ao goberno municipal de “aliado dos abusos” dos controladores da ORA

O concelleiro popular Antonio Ameijide cualificou ao goberno municipal de “aliado necesario” dos controladores da ORA ante ás súas prácticas, ás que tildou de “abusivas”.

Tal como explicou o responsable de Tráfico e Mobilidade dos populares, o martes pasado unha veciña de Lugo que tiña o vehículo estacionado nunha praza ORA da Avenida Rodríguez Mourelo, foi sancionada cando tiña o ticket en vigor e nun lugar visible.

Para o popular, “o máis grave é que non estamos a falar dun feito illado”, dado que “son situacións que se repiten con frecuencia”. Nese senso, lembrou que outra veciña fora multada en dúas ocasións nun prazo de 25 minutos malia a ter o ticket en vigor, motivo polo que trasladou a súa queixa ao Valedor do Pobo, quen recibiu como resposta do Concello que “non atopa maneira de resolver satisfactoriamente o problema”. No seu escrito, o Valedor do Pobo destaca que “o Concello é o responsable derradeiro da prestación do servizo nas condicións axeitadas” e posteriormente indica que o goberno municipal aínda non respostou o seu requerimento, motivo polo que o 19 de xaneiro de 2015, ano e medio ano despois, viuse obrigado a volver solicitar ao Concello a oportuna resposta.

Noutros casos os lucenses foron multados cando ían buscar cambio para as máquinas, ou incluso cando se dirixían ao parquímetro para retirar o ticket. “Estamos falando dunha persecución de manual e dun afán recadatorio innegable”, aseverou Ameijide.

Ante estas situacións, o popular acusou ao goberno local de “xogar a incendiar a paciencia dos lucenses”, xa que “os lucenses non só tivemos que ler infinitude de titulares con sospeitas de subornos, tráfico de influencias ou intentos de enchufe recoñecidos polo alcalde, senón que esta empresa privada leva todo o mandato lucrándose do peto dos lucenses malia a que a relación contractual entre as dúas partes estaba anulada pola xustiza dende antes do inicio deste período de goberno”.

“E por se todo isto fora pouco, falamos da firma privada que está no centro da Operación Pokemon, que a día de hoxe continúa actuando con total impunidade e prepotencia”.

Nesa liña, Antonio Ameijide cargou contra os socialistas, aos que ve “dobremente culpables”: por unha banda, porque non implantaron o código de boas prácticas que o alcalde anunciou para estes controladores; e pola outra, “porque a empresa continúa recadando unha media de 74.000 euros mensuais sen contrato, pola falta de vontade do goberno municipal de acatar unha sentenza xudicial de maio de 2011 clarísima”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com