O Pazo de San  Marcos acolle a exposición “O infinito nas aulas”con pezas  de alumnado de Lugo e Sarria

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle ata o vindeiro 5 de xuño a mostra “O infinito nas aulas”, unha proposta artística e educativa creada polo alumnado dos IES Gregorio Fernández de Sarria, Lucus Augusti e Sanxillao de Lugo arredor do concepto do infinito. A iniciativa nace da colaboración interdisciplinar entre os departamentos de Matemáticas, Lingua Castelá e Literatura, Educación Plástica e Visual e Filosofía dos tres centros, que convidaron ao alumnado a reflexionar sobre esta idea abstracta desde diferentes ámbitos do coñecemento.

O proxecto, iniciado no pasado mes de setembro, permitiu aos participantes transformar o concepto de infinito en múltiples linguaxes artísticas e expresivas. A exposición reúne pezas de fotografía, instalación, creación plástica, ilustración, deseño de moda e obras cinéticas que exploran cuestións como a repetición, o paso do tempo, a continuidade ou a expansión espacial.

A exposición estrutúrase en catro grandes bloques temáticos. O primeiro, centrado na literatura e a creación visual, combina textos da literatura universal con análises realizadas polo alumnado e interpretacións gráficas desenvolvidas desde o debuxo artístico. O segundo aborda a visión do infinito na cultura celta mediante propostas vinculadas á moda, á xoiería, á ilustración e á arte cinética.

A dimensión matemática da mostra reflíctese nunha gran obra inspirada na alfombra de Sierpinski, unha estrutura fractal baseada na repetición xeométrica. A instalación incorpora fotografías tomadas polo alumnado nas que se identifican espirais, patróns naturais e formas urbanas relacionadas coa idea de infinito.

O último bloque céntrase na filosofía e na creación colectiva a través da técnica surrealista do cadáver exquisito. A partir dunha escritura colaborativa, o alumnado construíu un relato posteriormente reinterpretado mediante fotografías analóxicas que reflexionan sobre a soidade, o baleiro ou os patróns repetitivos da conduta humana.

A mostra complétase con propostas participativas abertas ao público, como un tendal literario no que as persoas visitantes poden deixar os seus textos sobre o infinito ou un espazo dixital colaborativo accesible mediante código QR para continuar o relato visual da exposición. Ademais, o alumnado elaborou unha audioguía pensada para facilitar o acceso ás persoas con diversidade visual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com