O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade o apoio aos traballadores de Alcoa

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou  hoxe, de forma unánime, un paquete de medidas para salvagardar os postos de traballo e a actividade industrial na sede que Alcoa ten en San Cibrao. Na sesión, que contou con intérpretes de linguaxe de signos para as persoas con discapacidade auditiva, acordouse instar á Xunta de Galicia a constituír unha mesa de negociación coa compañía e o Comité de Empresa de San Cibrao para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade industrial. Tamén se deu luz verde a outras medidas, como a planificación da substitución do sistema de poxa de interrumpibilidade por unha regulación estable que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego.

“A Deputación está con Alcoa e cos traballadores”, subliñou o Presidente do organismo provincial, José Tomé, tras a votación unánime de toda a Corporación en favor deste paquete de medidas. Engadiu que el está “coa masa social, coas familias” e lembroulle ao Partido Popular que foi o Goberno de España do Partido Socialista o que arranxou, nun ano de mandato, a compra das sedes de Coruña e de Asturias. “Que fixo o señor Rajoy antes? Eu non vin nese momento que o señor Feijóo fixera fotos nin nada de nada, nin que a señora Candia se acordara”, asegurou.

Control da poboación de xabarin

Por outra parte, o Pleno aprobou tamén unha moción socialista instar á Xunta de Galicia a adoptar un paquete de medidas en relación aos danos causados polos xabarís no patrimonio de agricultores e gandeiros. Entre outros asuntos, esixirase ao Goberno autonómico que elabore un plan de control da poboación deste animal e dos danos que causa, pagar as indemnizacións aos afectados e a posta en marcha dun Fondo de Corresponsabilidade.

Mellora da LU-636, de Sarria a Becerreá

A Corporación acordou instar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta a acometer melloras que garantan a seguridade na estrada autonómica LU-636 que une Sarria con Becerreá. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, defendeu que a vía é o acceso natural á A-6 para moitos veciños de Sarria e que é un auténtico perigo no seu estado actual.

Conta Xeral da Deputación e SUPLUSA

O Pleno aprobou a Conta Xeral da Deputación de Lugo e de SUPLUSA correspondente ao ano 2018, un documento técnico que foi informado pola Comisión Especial de Contas o pasado 31 de maio, permaneceu exposto ao público na Secretaría Xeral durante 23 días e foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 10 de xuño

Asemade, a Corporación aprobou por unanimidade un modificación do orzamento da Deputación deste ano 2019 co fin de dotar de consignación económica a 28 actuacións incluídas no Plan Único do ano 2017 por un importe de 686.301,17€, tamén por unanimidade diferentes modificacións de investimentos incluídos no Plan Único 2018 por valor de 405.811,52 euros para os concellos de Quiroga, Pedrafita, Ribas de Sil e Taboada.

Plan Único

Deuse luz verde para substituír, en Quiroga, a cantidade destinada a acometida eléctrica e instalación en punto de captación do río Ferreiriño pola mellora do abastecemento e da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da Ermida por importe de 49.316,88 euros. Tamén pola adecuación da instalación de subministro de auga do núcleo de Santa Andrea, en Quintá de Lor, por 22.683,12 euros. Acometerase un investimento para infraestruturas urbanas consistentes en equipamentos e revestimentos de diferentes rúas por importe de 48.366,24 euros. Tamén levarase a cabo o acondicionamento e mellora da rede viaria local en camiños e accesos da comarca por 48.142,49 euros. No concello de Pedrafita, aprobouse a substitución da cantidade solicitada para o soterramento de infraestruturas eléctricas para a mellora de pavimentación de vías interiores o núcleo de Pallarvello, por importe de 12.248,01 euros. Ribas de Sil poderá levar a cabo a ampliación de saneamento en Vilardonas por importe de 14.204,70 euros e Taboada a pavimentación de accesos a San Salvador, Cima de Vila-Piñeira, de Iglesia de Cicillón a Vilariño, Sernande-Carboeiro, Airexe, Santa Marta, San Martiño, Millán, A Vila e a Fenteira por importe de 210.850,08 euros.

PERF

O Presidente da Deputación informou ao Pleno sobre a situación do Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes (PERF) 2017-2019, que a día hoxe está executado ao 92,60%. O importe total das baixas producidas nas diferentes licitacións é de 4,6 millóns de euros e, desta cantidade, a cantidade xa reinvestida é de 3,3 millóns de euros.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo