" />

O Pleno urxe á Xunta a resolver o déficit de máis de 14.000 prazas en residencias públicas

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a resolver o déficit de 14.331 prazas en residencias públicas da terceira idade que existe na comunidade galega. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de xaneiro celebrado este martes ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A administración provincial insta a que se creen todas estas prazas baseándose no último estudo da asociación estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que constata esta realidade, tomando como referencia a media de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a pandemia da Covid-19 deixou de manifesto que o modelo de atención das persoas maiores que ten en marcha a Xunta “é un fracaso”. “Son grandes residencias masificadas, pensadas na procura do beneficio económico das empresas privadas e que non garante nin a digna atención dos maiores, nin as adecuadas condicións laborais dos traballadores”.

Na súa intervención, Rivera Capón explicou que a iniciativa presentada ten como xermolo a defensa dos servizos públicos. Manifestou que é necesario “desenvolver unha rede de residencias públicas na comunidade”. Así mesmo dixo que “a Xunta ten que asumir as súas obrigas e competencias en materia social financiando a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo”, e en terceiro termo matizou que é preciso que o Goberno galego “mellore o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”.

Apoio ao IES de Becerreá

No Pleno de hoxe tamén saíu adiante unha proposta socialista en apoio das reivindicacións dos alumnos e alumnas e da comunidade educativa do IES de Becerreá e en defensa da calidade do ensino rural. Unha iniciativa que contou coas votos a favor do PSdeG e o BNG e os votos en contra do PP.

A institución provincial insta á Consellería de Educación a recuperar a optativa de francés no IES de Becerreá, tamén a atender as reivindicacións sobre falta de profesorado e sobre as agrupacións inadecuadas do alumnado nas aulas, e pide que se adopten medidas necesarias para garantir que o ensino público no rural achegue a nenos e nenas, rapaces e rapazas unha oferta educativa en pé de igualdade á que se dá nas cidades. A voceira socialista do Goberno expuxo que ao inicio deste curso comezaron as mobilizacións en Becerreá para pedir que se recupere a materia  optativa de francés, sendo a última manifestación o 19 de xaneiro. “Estas protestas convertéronse nun símbolo de contestación social que xera en Galicia o ataque ao ensino público que leva a cabo a Consellería de Educación e a Xunta, un exemplo de rexeitamento que a sociedade galega  amosa ante unha xestión que ignora a realidade galega e quere impoñer un modelo de dúas velocidades, un para o rural e outro para as cidades”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo