O positivismo predomina na valoración dos resultados do 20D en Lugo

Os escanos seguen sendo os mesmos, 350, pero agora o Congreso ten que facer sitio para dar cabida a dúas novas formacións, Podemos e Cidadáns, que entran con forza por primeira vez nun hemiciclo sen maiorías e moi fragmentado. No caso da provincia lucense, En Marea racha co tradicional reparto de PP e PSOE. Había 4 deputados en xogo, e a corrente das mareas trouxo para Lugo un deputado, arrebatándollo ao Partido Popular, que aínda así segue sendo a primeira forza na provincia con 2 escanos, seguido do PSOE, con un. No Senado o PP consegue 3 representantes e o PSOE 1.

Na cidade de Lugo o panorama é algo diferente. En Marea sitúase por diante do PSOE, sendo a segunda forza máis votada, aínda que a diferenza é de 1.430 votos. O PP segue en cabeza, con case 20.000 papeletas.

Os partidos políticos xa fixeron as súas valoracións dos resultados, e agás algunha excepción, o positivismo é a sensación predominante. No caso do PP, o senador electo, José Manuel Barreiro, compareceu esta medianoite, primeiro para “felicitar a Mariano Rajoy porque o PP gañou unha vez máis as eleccións, nunha campaña extraordinaria, e é a Rajoy a quen lle corresponde conformar goberno como forza gañadora”.

Barreiro recoñeceu que aspiraban a manter o terceiro deputado pero eran “conscientes da dificultade que iso entrañaba, xa que só en dúas ocasións o acadaramos. Esta vez non puido ser, aínda que o PP gañou amplamente as eleccións nesta provincia” e lembrou que “temos unha porcentaxe de apoio do 42,5 % fronte a un 28,7% a nivel nacional”. En canto á análise por concellos, Barreiro asegura que “gañamos en 61 dos 67 municipios da provincia”.

“O PSOE, forza de esquerdas de referencia”

Pola súa banda o senador socialista electo por Lugo, Ricardo Varela, asegurou que “fronte aos augurios, vaticinios, enquisas ou valoracións, o Partido Socialista demostra a súa fortaleza. Moitos querían ver morto e enterrado ao PSOE, que segue a ser a forza de esquerdas de referencia en España e en Lugo”.

Varela asegurou ser consciente de que “non conseguimos a nosa aspiración, que era gañar en número de votos ao PP, pero hai que ter en conta que vivimos momentos complicados, que hai un novo escenario político onde hai novas formacións que entraron con moita forza e que se reparten ao redor de 100 deputados. Con todo, o PSOE aguanta na provincia. Non é casual que teñamos responsabilidades de goberno sobre o 80% da poboación lucense”, engadiu.

“Isto é un volco político”

En declaracións a Lugo Si radio, o escritor e deputado electo de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, tamén se amosou satisfeito polos resultados acadados, destacando que “na cidade de Lugo En Marea é segunda forza e na Mariña tamén. Isto é un cambio, un volco político que pon de manifesto que hai unha vontade de cambio”. Do mesmo xeito lembrou que a coalición “obtén grupo parlamentario propio no Congreso, que era o obxectivo. Galicia vai estar representada polos deputados de En Marea, e isto significa que o é a primeira vez que vai existir un grupo parlamentario propio nacionalista”.

En canto á situación de ingobernabilidade actual, Fernán Vello amósase prudente, asegurando que “hai que analizar os resultados e dialogar coas outras forzas políticas de esquerda. En Marea ten unha grande capacidade de diálogo para chegar a acordos, e confío en que se artelle unha vía para que as forzas de esquerda, esta grande constelación, chegue a un acordo global para que o PP non teña a presidencia de goberno”.

“O resultado é malo sen paliativos”

No caso de Nós-Candidatura Galega, quedou fóra do Congreso por primeira vez despois de 20 anos de presenza continuada. A candidata por Lugo, Olalla Rodil, cualificou o resultado desta formación de “malo sen paliativos” e explicaba que “é evidente que non fomos capaces de contrarrestar unha intensa campaña televisiva que centrou as expectativas electorais en 4 forzas políticas estatais, que se presentaban como únicas opcións reais de voto”.

“Este contexto foi un obstáculo que Nós-Candidatura Galega non puido superar para conseguir unha representación propia, galega e nacionalista no Congreso e no Senado”, explicou. Pese ao resultado electoral, “seguimos convencidos de que este país necesita unha alternativa nacionalista, polo que o nacionalismo galego reafirma o seu compromiso para dar o mellor de nós e seguir traballando pola maioría social deste país”, concluíu Rodil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com