O PP acusa ao Concello de “cacería” contra os veciños aos que lles regulariza o subministro da auga

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusa ao goberno local de realizar unha “cacería” contra os veciños do municipio aos que lles pretende regularizar “de súpeto” o subministro de auga con importes nalgún caso de preto de 8.000 euros.

Nese senso, o popular explica que “se dan situacións surrealistas como que a un veciño da Louzaneta lle facturan o subministro atrasado por un importe que multiplica por 61 a contía do recibo seguinte”. “A ninguén, se lle escapa-afirma Ameijide- que se trata dunha anomalía que debera ser subsanada”.

Para o vicevoceiro “é absolutamente inxustificable que, de modo liñal, se estea a aplicar a franxa máis elevada de todas as posibles, cargándolles aos usuarios sempre a correspondente aos excesos de 100 metros cúbicos cun importe dez veces superior ao que cabería agardar para o caso de usos domésticos reais”.

Paralelamente, o popular reprocha aos socialistas que “incumpran a súa propia ordenanza fiscal”, facendo referencia á 109, que regula as taxas polo servizo municipal de subministración de auga potable a domicilio, ao non aplicar unha tarifa que teña en conta os importes medios.

Para o PP, a todo isto se lle suma que este problema vén derivado da reiterada negativa do Concello de non recibir esta urbanización, cuestión que lles permitiría aos residentes regularizar a súa situación e poder rematar cunha conxuntura da que os socialistas son os máximos responsables, segundo asegura Ameijide.

Así mesmo, o vicevoceiro popular insta aos socialistas a arbitrar algunha alternativa que lles permita a estes veciños darse de alta no consumo de auga para que “deixen de ter que abonar un recargo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com