O PP asegura que A Mariña non cre nada do que din Maroto e os socialistas sobre Alcoa

A multitudinaria concentración celebrada en Xove na pasada noite, foi un berro unitario da provincia de Lugo para reclamar ao Goberno central a adopción das medidas políticas, que só el pode tomar, para garantir o futuro de Alcoa- San Cibrao.

Para o Partido Popular, foi a “demostración indiscutible” de que a recente visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, a esta planta, fundamental para Lugo, “non pasou de ser un paseo que deixou máis preocupación da que xa había, porque foi incapaz de dar a coñecer medidas concretas para asegurar o futuro de Alcoa”.

Así o expresaba a presidenta provincial do PP, Elena Candia, que pon o foco nos alcaldes socialistas e nos socialistas lucenses en xeral para pedirlles que fagan entender ao Goberno central que ten que aportar xa as solucións necesarias para a supervivencia desta industria: un marco tarifario estable da enerxía eléctrica e un estatuto para industriais electrointensivas, entre outras.

Elena Candia considera que o PSOE tivo o mércores a oportunidade de comprobar moi claramente, sen dúbida algunha, que A Mariña non creu á ministra Maroto e tampouco os cre a eles». Na concentración participaron entre outros líderes populares lucenses, ademais da propia Elena Candia, os candidatos ao Congreso por Lugo Jaime de Olano e Joaquín García; o candidato ao Senado José Manuel Barreiro; José Manuel Balseiro, alcaldes, portavoces e concelleiros populares na Mariña e noutros comarcas, así como deputados provinciais.

A presidenta provincial do PP apunta directamente á responsabilidade dos alcaldes socialistas e recoméndalles «que se sumen a esta causa». Non comprende que non o fixeran xa de modo decidido e que avalen actitudes que non van na liña da reclamación firme ao Goberno das medidas que son necesarias para garantir o futuro de Alcoa, que representa máis do 30% do PIB da provincia e xera máis de 1.100 postos de traballo directo e varios miles máis indirectos. Candia espera que os alcaldes socialistas reaccionen dunha vez e reclamen do Goberno que adopte as solucións que reclama a sociedade lucense para encarrilar con seguridade o futuro de Alcoa.

Na mesma liña, Elena Candia pregúntase se os alcaldes do PSOE na provincia, pero sinaladamente na comarca da Mariña, van ser capaces de pedir o voto para Pedro Sánchez se o seu Goberno non da os pasos esenciais para garantir o futuro de Alcoa. «Pedirán os votos para Pedro Sánchez despois do abandono en que o Goberno está a deixar A Mariña?». Candia recorda que durante a concentración en Xove en defensa de Alcoa, o representante dos traballadores destacou que se antes do 10 de novembro o Goberno non fixa un marco tarifario estable e viable para as industrias que son grandes consumidoras eléctricas a empresa tomará decisións que non serán agradables. É necesario establecer prezos para a enerxía que permitan competir a Alcoa-San Cibrao con industrias similares en Francia e Alemania. Os veciños da Mariña, é motivo de gran preocupación que a ministra Maroto, en plena precampaña das eleccións xerais, non fora capaz de dicir «tranquilos que teño solucións».

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com