O PP censura que as liortas do PSOE “volvan empañar” a boa imaxe da institución

O Grupo Provincial do PP censura que, de novo, as liortas internas do PSOE “volvan empañar” a boa imaxe que debera dar a institución provincial, polo que lle esixen aos socialistas “responsabilidade”. Reclaman altura de miras para PSOE e BNG e que os nacionalistas non asinen un cheque en branco só para poder estar no Goberno. “Ambos partidos deberan actuar con responsabilidade e pensando que teñen o labor de resolver as necesidades da provincia, aínda que pareza que o único que lles interesa sexa decidir sobre os postos e quen os vai ocupar”.

Desde o PP lamentan que todo o que teña que ver co PSOE na provincia sexa un esperpento. Tras as eleccións do 26 de maio, que perderon, veñen de demostrar un “todos contra todos” que deixa en moi mal lugar á institución e á clase  política e non todo vale, critican os populares.

“Unha vez máis, e xa nos teñen acostumados, o único que lles importa é o reparto de sillas e de postos. Queren estar na Deputación a calquera prezo, cando o PP defenderá sempre que debería votar a lista máis votada, o partido que gañou as eleccións”.

Para o Grupo Provincial do PP a historia do PSOE de Lugo é a historia dunha “traizón permanente” entre os seus membros. “Non lles importa a provincia, nin as necesidades dos veciños, para eles isto só supón un reparto de cromos”.

“Mentres o PP ten un proxecto de provincia e ganas de levalo a cabo, o PSOE só busca perpetuarse no poder para defender os intereses persoais duns poucos. Non coñecemos o seu proxecto de provincia e o peor é que non vemos que teñan interese ningún nela. Non vemos proxecto, non vemos programa, non vemos ideas. Só persoas con intereses particulares. Esta provincia merece outra cousa. Non imos permitir que polas súas liortas internas se repita unha situación que prexudica a imaxe e o futuro da nosa provincia, algo que veñen facendo desde que chegaron á Deputación”, conclúen os populares.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo