O PP convoca á plataforma ‘Lugo Non Perdas o Tren’, logo da presentación realizada en Monforte pola presidenta de Adif

O Partido Popular convoca á plataforma Lugo Non Perdas o Tren para o vindeiro luns, na sede do Partido, unha vez analizados os anuncios realizados pola presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera.

Elena Canda fai así unha chamada “á unión de todos, con coherencia e responsabilidade”, polo que os populares abordarán, conxuntamente cos integrantes de dito colectivo, as declaracións realizadas pola dirixente do organismo ferroviario, xa que Pardo de Vera faltou á verdade ao dicir que non había nada feito antes da súa chegada, pois ela era técnico e, por tanto, perfectamente coñecedora dos trámites levados a cabo polo goberno de Mariano Rajoy e que incluso foron presentados na cidade polo ex ministro Íñigo de la Senra en maio de 2018.

Isabel Pardo de Vera leva cinco anos, dende o 2016, ocupando cargos de alta responsabilidade no ente. De feito, era directora xeral de Adif cando en abril de 2018 comprometeu o remate das obras para o 2021. Tres meses despois foi nomeada presidenta de Adif. Polo tanto, todos os desvíos acumulados no cronograma da chegada da alta velocidade a Lugo son a súa responsabilidade directa. Cuestións coma esta exporanse na xuntanza e estudaranse novas iniciativas ao abeiro dos últimos feitos.

Ademais, a propia Pardo de Vera participou en distintas reunións con membros do Partido Popular da provincia de Lugo en xaneiro do 2018 xunto ao daquela presidente do ente, Juan Bravo, trasladando o seu compromiso para a conexión da provincia coa alta velocidade tamén á Federación de Veciños de Lugo.

Para os populares o aforro de tempos é algo “fundamental; pero a presidenta de Adif despreza o aforro de máis de 20 minutos que suporían as variantes: 11 minutos a dos Peares-Canabal e outros 12 a de Rubián (Bóveda) que representan o 27% do tempo do traxecto”. De executárense estas variantes, a viaxe de Lugo a Ourense quedaría en 60 minutos e, polo tanto, os lucenses estariamos conectados con Madrid en 3 horas e 20 minutos. Pola contra, cos proxectos anunciados este venres, o tempo sería de 4 horas.

Sobre as partidas orzamentarias para financiar este proxecto, o único que hai consignado é o que recollen os PGE para 2021 porque os dos vindeiros anos teranse que aprobar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com