José Antonio García

O PP de Sarria denuncia a “incapacidade para gobernar” da alcaldesa de Sarria

O Grupo Municipal do PP de Sarria responsabilizará á alcaldesa de calquera incidente, emerxencia ou catástrofe que se derive da súa decisión de abandonar a rede galega de emerxencias, tal como os populares souberon polos medios de comunicación. Tras pedir información á Dirección Xeral de Emerxencias,” o PP puido saber que esta actitude da rexedora, que cualifican de inexplicable e irresponsable, priva á localidade do servizo de comunicación entre os corpos e forzas de seguridade pese a que o custo anual só implica 388 euros”.

Os populares non poden entender que o Goberno local decida desmarcarse dun acordo que xa teñen asinado mais de 100 concellos galegos e máis cando “acaban de dilapidar 12.000 euros na celebración da Feira de San Isidro. Queren poñer en risco a toda a poboación de Sarria cando o importe que representaría contar con este servizo de comunicación entre as forzas e corpos de seguridade se pode ter cun desembolso de tan só 388 euros/ano”.

Pon en risco a todos a veciños e veciñas

O Grupo Municipal do PP de Sarria considera un “absoluto despropósito” esta forma de proceder da alcaldesa, polo que presentarán unha moción ao vindeiro pleno da Corporación para que o equipo de Goberno reconsidere a súa postura. “Queda acreditado, engaden, a total incapacidade da rexedora para continuar no seu posto, posto que a súa incompetencia pon en risco á seguridade de toda a localidade”.

Os populares sarriaos denuncian que, “por culpa da nefasta xestión da rexedora o Concello de Sarria non contará co servizo de comunicación para que a Policía Local, Protección Civil, os bombeiros e as demais forzas e corpos de seguridade poidan colaborar e traballar de maneira coordinada por non adquirir os instrumentos de coordinación precisos, coñecidos como TETRA”.

Os populares precisan ademais que “se trata dunha colaboración que obriga ao Concello pola orde de axudas do ano 2015 con Protección Civil mediante a cal o Sarria recibiu un vehículo de emerxencias, que supera os 30,000 euros. Se o Concello de Sarria non se adhire a esa rede perdería tamén ese vehículo que a propia alcaldesa ten recibido e co que se ten fotografado, pese que agora di que non lle importa devolvelo”, engaden.

O PP sostén que a actitude da alcaldesa o único que fai é que “Sarria quede sen servizo e completamente desprotexida en caso de accidentes ou catástrofes. Ten que ver coa súa incapacidade manifesta para gobernar o Concello porque ningún concello máis puxo pegas á sinatura”, conclúen.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com