" />

O PP denuncia a presunta colocación “a dedo” dunha ex deputada socialista nun posto da Deputación

O Grupo Provincial Popular denunciou esta mañá que o PSOE vén de colocar, presuntamente, á ex deputada provincial e ex primeira tenente alcalde en Lugo, Sonia Méndez, nunha praza na Deputación. Os populares cren que esta contratación supón, unha vez máis, darlle continuidade á “axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro e que Campos está a perpetuar”.

Así, se onte os populares aseguraban que o secretario de organización do PSOE de Lugo percibira un incremento do seu salario na Deputación, hoxe os populares denuncian que a que foi a man dereita de Orozco no Concello e deputada provincial con Besteiro se suma ao persoal da Deputación de Lugo como técnica de administración xeral con data de un de febreiro de 2019.

Os populares sospeitan que o PSOE realizou este proceso selectivo para creación de listas de interinos baixo unha apariencia de legalidade, cando o que buscan é meter xente pola porta de atrás. Curiosamente só mediaron seis días desde que se publicou a lista de admitidos e excluídos ata a realización da primeira proba do proceso selectivo.

Así, dos 22 admitidos só 8 foron á proba inicial, quedando Sonia Méndez no cuarto lugar. Agora a traballadora provincial ocupará unha praza que está vacante, “curiosamente” para o Grupo A1, o máis alto da administración xeral, e estará contratada, en principio, ata que se cubra por un funcionario, “de maneira que se sacan a praza a concurso-oposición ela terá vantaxe para optar a esta praza fixa”.

O decreto asinado pola Presidencia resolve que se nomea a Sonia Méndez “como persoal funcionario interino pola circunstancia de existencia de praza vacante cando non sexa posible a súa cobertura por funcionarios de carreira ao obxecto de prestar servizos de carácter temporal, como técnica de administración xeral, adscrita ao servizo de contratación e fomento da Deputación Provincial de Lugo”.

Precisan ademais que “a formalización do devandito nomeamento, que terá efectividade de data 01/02/2019, terá vixencia ata a cobertura definitiva da praza vacante nº 950 ou ben ata que se decida a súa amortización ou deixe de ser necesaria a súa cobertura provisional; realizándose por escrito e de conformidade co disposto na vixente normativa aplicable”.

Os populares lamentan que o PSOE na Deputación “manteña este tipo de prácticas fraudulentas” e denuncia a intención dos socialistas de manter as súas estruturas de poder pagando salarios con recursos públicos a cargos políticos, “un exemplo claro de enchufismo”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo