" />

O PP denuncia que aínda non iniciara actividade a Escola Municipal de Música

As liortas ao redor da Escola Municipal de Música de Lugo parecen non ter fin. Así no día de hoxe, a edil do Grupo Municipal Popular, Beatriz Vázquez, denunciou a “falta de previsión”, dixo, do Goberno local que continúa sen abrir as portas desta escola de música, que xa é un dos servizos municipais máis demandados pola cidadanía. A popular lamentou, despois de visitar as instalacións, que a Escola presente “moitas carencias” o que, segundo ela, “pode indicar que falten varias semanas para que se poña en marcha a súa actividade”.

Entre as eivas que aprecian os populares atópase a ausencia de sistemas de separación entre o profesor e o alumnado nas aulas de instrumentos de vento, a sinalización nas entradas e saídas ou mesmo, a colocación de papeleiras con tapa e pedal; todas elas, medidas imprescindibles para evitar contaxios de Covid-19 entre os asistentes á Escola.

Beatriz Vázquez explica que a falta de previsión do goberno local na Escola de Música vese claramente nas ausencias de material de protección, pero tamén en que segundo o decreto asinado o martes desta mesma semana pola responsable de Cultura, o centro que acolle a Escola de Música quedarase pequeno para albergar a todos os alumnos, polo que moitos deles quedaran sen docencia este ano. “Non entendemos como o goberno local, tendo a cantidade de instalacións municipais que ten no seu haber, non habilitou novos espazos para que o alumnado da escola non interrompa os seus estudos”, declara.

Ante esta situación, a concelleira popular presentará preguntas ante a comisión correspondente para coñecer os motivos de que non se fixese con tempo ningún tipo de actuación por exemplo para adaptar as aulas que a día de hoxe quedan inutilizadas polos protocolos, ao non dispor de ventilación adecuada. “Cunha simple obra poderían haber acondicionado entre 3 e 7 aulas máis aproveitando o espazo que hai”, explica.

Aberto o período de matrícula

Esta denuncia dos populares xorde o mesmo día en que o Goberno Municipal anunciaba a publicación no Boletín Oficial da Provincia da convocatoria de prazas para a Escola Municipal de Música, que este ano, debido á aplicación dos protocolos derivados da crise sanitaria, só se ofertarán ao alumnado xa matriculado en cursos pasados. Así o contaba a edil titular da área de cultura que explicou que xunto coas bases publícase tamén o protocolo elaborado pola directiva da Escola que segue a liña do resto de actividades organizadas polo concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo