O PP insta ao goberno da Deputación a atender as demandas dos veciños de Láncara e mellorar a estrada provincial LU-P 2702

Os populares da provincia levan días poñendo o foco sobre estradas de provinciais do rural que se atopan en pésimas condicións e que poderían chegar a ser moi perigosas. O deputado provincial José Antonio García, facíase onte eco das demandas de numerosos veciños de Láncara que reclaman o arranxo da estrada LU-P-2702 entre Santalla e Busto.

En Santalla de Lagos, debido á deficiente canalización (nalgún tramo inexistente), un regueiro de auga corre pola beira da calzada, e crúzaa polo menos en tres puntos diferentes. Así, créanse situacións de perigo para o tráfico e facilítase o deterioro da calzada. O viceportavoz provincial do PP José Antonio García explica: “O grupo municipal do PP xa levou a pleno esta estrada. Unha vez no ano 2017, mediante unha pregunta, na que se pedía ao goberno municipal explicación de por que hai un vertido de auga directamente a estrada.

Naquel momento, o alcalde tirou de ironía e dixo que a auga corre para abaixo; evidentemente que o fai, pero queremos que o faga polas cunetas e non pola calzada directamente, porque acaba causando danos. Non se fixo ningún caso. Ao pleno de xaneiro de 2020 o portavoz municipal do PP levou un rogo, pedindo o arranxo desta estrada e tampouco se fixo caso”. García sinala: “Os veciños están totalmente enfadados. Comunicaron este problema ao alcalde e estráñanos que o deputado provincial socialista Pablo Rivera, que ten constancia do mal estado desta estrada, non faga nada e se poña de perfil”.

O mesmo representante do PP di: “Láncara apenas ten 38 quilómetros de estradas provinciais, dos cales oito están en mal estado. Entendemos que o propio deputado provincial socialista, o señor Rivera, e o alcalde deberían instar ao goberno provincial a arranxar esta vía, como piden os veciños, pero prefiren mirar a outras administración, queixarse doutras administracións. Neste caso, as estradas autonómicas de Láncara están en bo estado; a que peor está no municipio é esta provincial que vai dende Santalla a Busto, e que os gobernos municipal e provincial non fan nada para arranxala, como piden os veciños”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com