O PP lamenta que a alcaldesa tardara tres meses en desglosar as facturas pendentes

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, lamenta que a alcaldesa tardase tres meses en desglosar as facturas pendentes.

Logo de recibir a orde do día da Comisión de Contas que se celebrará este venres na que se dividen en 24 expedientes distintos as 42 minutas do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito 2/2017 que non resultaran aprobadas nos plenos de febreiro, marzo e abril, o voceiro popular valora que “por fin, a alcaldesa teña recapacitado e teña dado os pasos que levan tanto tempo pedíndolle para poder desbloquear boa parte destes pagamentos”.

Castiñeira asegura que o tempo lle volve dar a razón ao PP cando “diciamos que era perfectamente posible facer esta tramitación, como así o refrendara ata o interventor muincipal”.

Para o popular o que demostra isto é que “a rexedora preferiu chantaxear á oposición con algúns dos conceptos co obxectivo de que, apelando á sensibilidade que suscitan, se aprobasen en bloque pagamentos como os de Gestagua, os do guindastre municipal ou todos os de Cultura que se adxudicaron a dedo sen procedemento de contratación nin consignación orzamentaria, entre outros”.

Para o voceiro popular, a situación das facturas “pon de manifesto que á alcaldesa o cargo lle vén grande porque arrastrou durante meses un problema que podería estar xa resolto”.  O PP afirma que lle deron moitas alternativas, incluíndo un pleno extraordinario no que renunciarían ás súas compensacións, e apunta que na Comisión de Contas deste venres tamén se abordará un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de máis de 200.000 euros, relacionados coas eléctricas.

Por último, Castiñeira anuncia que analizarán os distintos expedientes e abordarán a decisión con respecto a estes pagos nunha xuntanza de grupo previa ao pleno e “sendo coherentes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com