O PP levará ao pleno unha moción sobre a defensa de cargos investigados e a Deputación nega que se vaia sufragar a de Tomé

Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo aseguraron este mércores que o expresidente da institución provincial, José Tomé, solicitou que a Deputación asumise os honorarios da súa defensa xurídica no procedemento no que está investigado por un presunto delito de acoso sexual.

Nunha rolda de prensa celebrada diante do Pazo de San Marcos, o voceiro do grupo, Antonio Ameijide, acompañado dos vicevoceiros Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, explicou que a solicitude foi presentada, segundo indicou, o pasado 27 de abril.

Segundo o PP, a petición fai referencia ao pagamento dos honorarios dun despacho de avogados por un importe de 37.000 euros, sen incluír o IVE. Os populares sinalan que tiveron acceso ao expediente tras solicitar a documentación á Deputación.

Ante esta situación, o Grupo Provincial Popular anunciou a presentación dunha moción no vindeiro pleno coa finalidade de impedir que a institución provincial asuma os gastos de defensa de representantes públicos investigados por delitos graves, entre eles os relacionados con presuntos casos de acoso ou abuso sexual.

O portavoz popular defendeu que os recursos públicos non deben destinarse a sufragar a defensa xurídica de cargos investigados por este tipo de delitos.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela López, negou que exista acordo ou decisión algunha para sufragar con fondos públicos a defensa de José Tomé. Segundo explicou, a institución dispón dunha póliza de responsabilidade civil que cobre aos membros da Corporación e ao persoal da Administración Xeral, e precisou que a aseguradora só podería asumir os gastos xurídicos no caso de que o solicitante resultase absolto ou as actuacións xudiciais fosen arquivadas. López tamén asegurou que a documentación solicitada polo PP foi facilitada e atribuíu a incidencia inicial na súa remisión a un erro material que, segundo indicou, foi corrixido de maneira inmediata.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com