O PP non apoiará os Orzamentos dun Goberno “que non é de fiar e vende fume”

O voceiro popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, asegurou hoxe que o seu Grupo non apoioará os Orzamentos para o 2022 presentados polo Goberno local porque non pode avalar un orzamento que non atende as “necesidades reais” dos lucenses e nos que bota de menos “as propostas que o Partido Popular presentou a Méndez e Arroxo para chegar a un consenso, e que PSOE e BNG nin valoraron”.

Carballo asegurou esta mañá que o PP non pode votar a favor duns orzamentos onde “non hai nin un só euro para o saneamento e abastecemento da zona rural; onde non hai un informe económico financeiro sobre o custe de edificios municipais como o novo auditorio; que reduce os recursos destinados á promoción e reinserción social e onde non vemos partidas para concluír proxectos que prometen e logo non executan”.

O PP alerta, así,  que as desavinzas do Goberno local “saenlle caras” aos lucenses porque duplican áreas de goberno ao “transformar a concellería do PSOE de Promoción do Emprego nunha concellería de obras paralela á área de Infraestructuras do BNG coa única finalidade de sabotar aos nacionalistas”.

Noutro senso, o PP amosa a súa desaprobación ás posibles subas encubertas de impostos que, auguran, se poderían producir en 2022 tras comprobar como se inflaron os ingresos para cadrar as contas, poñendo como exemplo o caso do lixo onde pretendan ingresar 7.281.230 € cando a última recadación real foi de 3.365.774 €, cun desfase de 11 M€ entre o que vai cobrar a empresa e o que recadará.

Os populares tampouco comparten o incremento en gastos improductivos e se amosan en contra de apoiar uns orzamentos “que permitirán a Méndez e Arroxo xestionar 4,6 M€ € en gastos diversos para os seus trapicheos e o seu autobombo persoal”. Así, segundo denuncian os populares, PSOE e BNG xestionarán no vindeiro exercicio 4.654.852 € para accións de autobombo e propaganda (PSOE 1.967.877 € e o BNG 2.625.475 €).

A alcaldesa de Lugo ten para autopromoción da súa figura 250.000 € a maiores doutros 135.000 € en traballos, fronte aos 300.000 € que destinan a Emerxencia Social. Mentres que as concellerías do BNG, “un partido que presume de estar a favor da austeridade e da reducción do gasto improductivo”, xestionará en 2022 2.625.475 € en gastos diversos e publicidade e propaganda.

“Curiosamente hai un incremento de 799.875 € neste capítulo de gastos diversos, unha cifra similar á que recortaron no departamento de vías e obras (neste exercicio pasaron dos 3.662.920 aos 2.905.000 €, é dicir 757.000 € menos)” denuncia Carballo, que engade que “quitan de investir na cidade para os seus trapicheos”, concluía o voceiro popular.

Dende o PP tamén alertan de que se están inflando os ingresos para cadrar as contas. O exemplo “máis sangrante”, para os populares, de que estes orzamentos son papel mollado “témolo no caso do lixo”. Primeiro, cuestiónanse, “como é posible que pretendan ingresar 7.281.230 € cando segundo á conta xeral do 2020 a recadación real foi de 3.365.774 €. E segundo, quen vai facer fronte aos 11 millóns de desfase que hai tendo en conta que o custe do servizo, que se vén de adxudicar, é de 14M €. Imos os lucenses que ter que asumir esta déficit cunha suba nos recibos do lixo?”.

Nos orzamentos para 2022 botan en falta partidas para a posta en funcionamento do novo Auditorio de Magoi, das Caldas do Miño e do edificio Impulso Verde. “Outra proba máis de que non saben como van xestionar estas instalacións. Todo un exemplo de falta de planificación”, denuncia o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com