O PP pide á Deputación un plan provincial de fomento da natalidade

O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno da Deputación, que se celebrará o vindeiro martes, que a institución lucense poña en marcha un plan provincial de fomento da natalidade, que dea incentivos para reverter o elevado índice de envellecemento e o saldo vexetativo negativo que reflicte a provincia de Lugo.

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera “fundamental” que a institución provincial contribúa ao fomento da natalidade e poña en marcha medidas que actúen como “plan de choque” ante o declive no número de nacementos que afecta á meirande parte dos concellos da provincia.

“Ante unha sociedade cada vez máis envellecida é necesario que a Deputación, ao igual que veñen facendo outras institucións, leve a cabo iniciativas que sirvan de base para que Lugo sexa unha das provinciais onde maiores facilidades teñan as familias para ser pais e nais”, precisa a popular.

Axudas ás familias e colaboración cos concellos

O plan provincial de fomento da natalidade, cuxa creación solicitan os populares, debe incluír á proposta do Grupo do Partido Popular, entre outras, dúas liñas de actuación, unha de axudas directas ás familias e outra de colaboración cos concellos. Estas axudas, matizan dende o GPP na súa moción, deben ser compatibles con calquera outra axuda percibida das distintas administracións.

Para o desenvolvemento deste plan, os populares propoñen a creación dunha comisión que se encargue do estudo das bases que rexerán este proxecto. Ademais, dende o Grupo Popular consideran que debe ser o Goberno da Deputación, previa reunión desta comisión, o que consigne no orzamento para este ano 2017 o importe necesario que permita o desenvolvemento das actuacións dirixidas a fomentar a natalidade na provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com