O primeiro albergue público do Camiño de Inverno situarase en Diomondi

A Xunta de Galicia publicou hoxe a licitación da rehabilitación do Pazo Bispal de Diomondi, no concello do Saviñao, que se converterá no primeiro albergue de xestión autonómica situado no Camiño de Inverno. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega de máis dun millón de euros para facelo mellorando a eficiencia enerxética e readaptando a distribución do inmoble ás necesidades dos peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

As  actuacións inclúen a apertura de novos ocos para a iluminación natural, a reparación de fendas nos muros, a reconstrución de muros exteriores e a conservación das envolventes e edificacións anexas. Ademais, renovarase a estrutura, os pavimentos de madeira, os forxados, as mamposterias e as carpinterías. O prazo estimado de execución é de 15 meses.

Ao remate deste proceso o Pazo Bispal de Diomondi quedará distribuído en dous andares con catro dormitorios. Dous estarán na planta baixa, onde tamén se habilitará unha zona de recepción e de atención ao peregrino, un salón de usos múltiples e aseos. Os dous restantes estarán na planta alta xunto cunha zona de aseos, unha cociña, un cuarto de limpeza e unha sala de lecer. En total, este novo albergue ofrecerá un máximo de 33 prazas, unha das cales estará reservada para peregrinos con mobilidade reducida.

O proxecto tamén inclúe o acondicionamento dunha edificación auxiliar que se proxecta unha zona de servizo composta por o lavadoiro, tendedeiro e un cuarto para bicicletas e unha zona para aloxar as instalacións das subministracións do complexo.

A actuación prevista no Pazo Bispal Diomondi permitirá mellorar os servizos que se ofrecen aos peregrinos que percorren o Camiño de Inverno, un trazado que conta cun gran potencial de crecemento e que só no ano pasado foi percorrido por máis de 1000 persoas, o que supón un incremento de preto do 50%. Ademais, é unha ruta que transcorre pola Ribeira Sacra, a candidata de España para ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 2021 e un territorio singular que supón un exemplo sobranceiro da acción conxunta das persoas e a natureza.

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro subliñou que o proxecto enmárcase no Plan de Albergues da Xunta de Galicia que aposta pola rehabilitación de edificios de valor histórico e patrimonial, como o Pazo de Diomondi, e pola posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Trátase dunha folla de ruta que ten como obxectivo a mellora dos establecementos de acollida ao peregrino diversificando os fluxos de peregrinos e ofrecendo un servizos de calidade en todos itinerarios.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com