O PSdG pon a Trabada como exemplo de que o cambio é posible

Os socialistas pediron a confianza dos veciños nun mitin en Trabada, coa presenza do candidato lucense ao Parlamento galego, Luís Álvarez, do Presidente da Deputación Provincial, Darío Campos, da candidata número catro, Patricia Otero, e da alcaldesa socialista e deputada provincial, Mayra García. Poñendo como exemplo e garantía dunha xestión eficaz e solvente o mandato da alcaldesa de Trabada, incitaron aos electores a depositar de novo a súa confianza no PSdeG, “o único partido que pensa no futuro de Galicia con medidas reais e progresistas para recuperar as políticas que poñan ás persoas no lugar que merecen”.

Na recta final da campaña, o candidato lucense, Luís Álvarez, fixo referencia ás medidas implantadas durante “o breve período de tempo no que Mayra conseguiu sanear as contas do seu concello e dar un exemplo de dinamismo neste primeiro ano como rexedora”, engadindo que “temos un bo equipo de persoas preparadas, solventes, e dispostas a gobernar unha Galicia esnaquizada polas políticas de Feijóo, especialmente no rural”, subliñou. Apelou asemade ó compromiso adquirido polos socialistas “de levar ese cambio á Xunta de Galicia, ese cambio que están a pedir todos os galegos e galegas, e ao que nós imos dar solución se transforman a súa resignación en votos ao PSdeG”, incidiu.

Campos Conde destacou “a importancia de que as administracións colaboren con concellos pequenos, achegando servizos públicos de calidade, como residencias ou centros de día nos que garantir o benestar de todas as persoas, a diferencia do que fai Feijóo, privatizando e maltratando o rural”, comentou.

A intervención de Mayra García centrouse nun “agradecemento que nunca me cansarei de facer aos meus veciños por ter confiado en min, e por iso pido como alcaldesa de Trabada o voto para o Partido Socialista, o partido da xente”, afirmou nun xesto de confraternidade coa súa veciñanza lembrando “que o cambio que fixestes posible en Trabada, e que nos permitiu sanear as contas e incrementar as partidas para servizos sociais, podemos facelo todos xuntos este domingo enchendo as urnas de votos socialistas”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com