O PSOE de Vilalba pide que se lle dea prioridade a accesibilidade nas melloras do xulgado

O Grupo Municipal Socialista levará ao vindeiro pleno unha moción na que pedirán que se leven a cabo as obras necesarias para dotar ao edificio do xulgado de Vilalba das condicións mínimas de accesibilidade. Esta proposta nace dunha crítica ao goberno vilalbés polo feito de non priorizar o acceso de persoas con mobilidade reducida aos edificios públicos.

Logo de ter presentada outra moción no pleno de novembro solicitando un plan de accesibilidade aprobado por unanimidade, traen de novo a colación que se garanta a accesibilidade de cara a futuras obras de mellora e acondicionamento nos edificios públicos. “Ademais de que non temos constancia de que se estea a traballar no plan que propuxemos, criticamos a incoherencia de que se presente en Vilalba a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, a anunciar obras para a mellora dos aseos e para a colocación dunha persiana exterior térmica automatizada, cun investimento de máis 35.000 euros”, comenta a concelleira socialista Marta Rouco, engadindo que “non ten sentido falar de confort cando as condicións mínimas de accesibilidade, nese e noutros moitos edificios públicos, non están garantidas”, subliña.

Por tanto, “o grupo socialista censura as visitas ao concello como ferramenta de propaganda partidista, investindo cantidades importantes de diñeiro nas que se obvian as necesidades máis inmediatas dos veciños e veciñas de Vilalba”.

Plan de emprego xuvenil

Os socialistas retomarán outra moción presentada en maio, na que propoñían un plan de emprego xuvenil ante as altas taxas de desemprego neste tramo de idade. En dita sesión, a corporación acordou deixar a proposta sobre a mesa e conformar un equipo de traballo para estudar as posibilidades deste plan. Dous meses despois, desde o

PSOE aseguran que “a moción sigue conxelada, no mesmo estado que o compromiso e a responsabilidade do alcalde e os seus concelleiros pola inserción laboral dunha mocidade sen esperanzas de futuro”.

O Grupo Municipal Socialista lamenta a “deixadez do alcalde Criado, tanto en época estival como durante o resto do ano, posto que unha das medidas que se propoñían contemplaba a posibilidade de facer contratos temporais para substituír aos funcionarios e persoal municipal durante as vacacións. Entre outras, tamén se solicitou un convenio coa Fundación Empresa – Universidade Galega (Feuga), e a formación e prácticas remuneradas para os mozos e mozas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, en colaboración con outras administración”.

Asemade os socialistas lembran “a mesma sorte correu a proposta de regulamento de participación veciñal, promovida polos socialistas a principio de lexislatura, e ante a que “ningunha forza política nin o equipo de goberno mostraron especial interese, despois dun ano seguimos a escoitar discursos de transparencia e participación, pero á hora de plasmalos nun regulamento, atopámonos sós ante a desidia neste asunto”, rematan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com