O PSOE denuncia que o Goberno Provincial perdeu 135 empregos e o PP retruca que a culpa foi do anterior goberno

O Deputado provincial socialista, Pablo Rivera Capón, desvelou este luns que o Goberno Provincial do Partido Popular ten que devolver á Unión Europea 90.000 euros que o Executivo progresista de Gómez Besteiro acadou a través do Pacto Provincial polo Emprego para a celebración de 9 accións formativas con prácticas remuneradas en empresas da provincia, dirixidas a 135 desempregados lucenses. “Esta situación é irreversible. Polo tanto, Candia destruíu 135 empregos na provincia e perdeu 90.000 euros de fondos europeos. Este é un novo e claro exemplo da situación de parálise absoluta na que mantén ao organismo provincial, xa que o único que está a facer é tentar limpar a imaxe do PP e de Feijóo, mentres destrúe todo o que durante 8 anos acadou Gómez Besteiro para os lucenses”.

Rivera Capón explicou que “aínda ter todo listo, pois deixamos totalmente programados os cursos do Pacto Provincial polo Emprego tras acadar máis de 4 millóns de euros do Fondo Social Europeo, os populares non foron capaces nin de convocar a tempo 5 cursos desta programación, polo que ninguén se inscribiu nos mesmos, e directamente xa renunciaron á celebración doutros”.

Os cursos perdidos polo PP, que estaban programados para celebrárense en concellos de toda a provincia, ofrecían gratis a desempregados lucenses formación profesional sobre o sector do benestar, un dos principais nichos de emprego na provincia.

Esta é a primeira e única vez que a Deputación de Lugo ten que devolver fondos á Unión Europea por non executalos. En contraposición co conseguido polo Executivo popular de Candia, o Goberno progresista de Gómez Besteiro foi premiado ata en 3 ocasións pola Unión Europea pola súa xestión de fondos europeos, recibindo 3,3 millóns de euros máis para a provincia cos repartos de remanentes:

Resposta do PP

Logo das declaracións do deputado , Pablo Rivera, sobre a execución do proxecto “Lugo – Pacto Provincial polo Emprego II”, o voceiro do grupo provincial popular, Carlos Armesto, acusou ao socialista de pretender tapar a súa incompetencia coas acusacións manifestadas esta mesma mañá.

Armesto fixo unha cronoloxía dos feitos e explicou que o 10 de febreiro de 2012 o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas comunicou ao anterior goberno bipartito a aprobación definitiva do proxecto “Lugo Pacto Provincial polo Emprego II”.  Un mes despois, concretamente o 7 de marzo de 2012, a Deputación foi notificada coas instrucións para desenvolver o proxecto.  Engadiu o popular que non foi ata o 3 de outubro de 2014, dous anos e oito meses despois, cando se aprobou a adxudicación ás empresas formadoras.

Insiste o voceiro popular na Deputación que esta irresponsable tardanza na execución do proxecto, de case tres anos, é sen dúbida froito de poñer ao fronte da execución  do mesmo ao deputado Pablo Rivera, naquel momento persoal eventual e de confianza de José Ramón Gómez Besteiro.

Armesto acusou a Rivera de faltar a verdade xa que “A Deputación de Lugo nunca foi premiada pola UE no que se refire a estes proxectos senón que estes foron aprobados a nivel nacional polos Ministerios da Administración Xeral do Estado, contando, como moitos outros, con financiación comunitaria”-

O popular engadiu que neste estado de irresponsable  demora na execución do proxecto, “o goberno de Elena Candia atopouse con que quedaban por executar 11 accións formativas do Proxecto para as que nin tan sequera quedaban iniciados os expedientes de contratación dos formadores”. Conscientes da gravidade da situación, Armesto engadiu “ priorizouse a execución deste proxecto, contratouse a unha empresa formadora e puxémonos en contacto coas oficinas de emprego para contactar cos candidatos para a realización dos itinerarios.  Dada a premura ningunha das oficinas conseguiu acadar nin tan sequera o 50% dos candidatos necesarios para poder realizar os cursos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com