O Grupo Municipal Socialista de Lugo presentará ao Goberno local unha proposta para construír unha nova rotonda na intersección das rúas Durán Loriga e María Barbeito, no polígono industrial das Gándaras, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a circulación nun dos puntos con maior intensidade de tráfico da zona. Este cruzamento incrementou o seu volume de circulación nos últimos anos tras a ampliación do parque empresarial das Gándaras e a consolidación da conexión co polígono do Ceao e a zona da Campiña.
A proposta contempla a execución dunha rotonda como medida para ordenar os movementos de entrada e saída das distintas vías, moderar a velocidade de circulación e mellorar tanto a fluidez do tráfico como a seguridade de condutores e peóns.
Desde o PSOE consideran que esta actuación responde ás necesidades derivadas do crecemento do polígono industrial e apuntan que tamén foi trasladada por parte do tecido empresarial da contorna. A formación defende que o desenvolvemento das infraestruturas debe acompañar a expansión da actividade económica para garantir unha mobilidade axeitada.
Os socialistas propoñen que o Concello financie esta intervención con cargo aos remanentes municipais e instan ao Goberno local a incluíla entre as súas prioridades de investimento. Ao mesmo tempo, critican a falta dunha planificación específica en materia de infraestruturas e mobilidade, ao entender que a cidade precisa actuacións de carácter estrutural que respondan ás necesidades actuais e futuras.






