O PSOE: Solicita unha reunión con novo alcalde de Vilalba para buscar saída a temas aínda sen resolver

O Grupo Municipal Socialista vén de solicitar unha reunión co recentemente nomeado alcalde, Agustín Baamonde, tras a renuncia de Gerardo Criado pola súa nova condición de senador. Ante este cambio na alcaldía de Vilalba, desde o PSOE piden un encontro no que se sentarán as bases de comunicación entre o equipo de goberno e a oposición. Do mesmo xeito, o obxectivo desta petición responde a un afán por propoñer medidas organizativas e escoitar as solucións a problemas “aínda non resoltos”.

 A voceira dos socialistas, Elba Veleiro, considera de urxencia “falar co señor Baamonde, en tanto que alcalde deste concello desde o mércores pasado, para abordar temas que non poden esperar, como o asunto da gardería pola que pais e nais incluso se manifestaron no pleno no que tomou posesión Baamonde, e outros asuntos que levan moito tempo á espera, como o cumprimento de acordos plenarios dos que non voltamos a ter novas”, afirmou. Así é o caso da retransmisión dos plenos en directo ou do plan de accesibilidade, por exemplo.

 Tomando como base o discurso pronunciado polo novo alcalde, “no que admitiu un cambio nos tempos con respecto ao seu anterior mandato, falando das necesidades das persoas, o emprego e a igualdade de oportunidades como eixos que guiarán o seu actual goberno”, os socialistas pedirán “que se cumpra a Lei de transparencia e se adapten á dixitalización da información pública, que se publiciten con bases todos os contratos de emprego para que poda presentarse quen queira e que as obras saian a concurso con publicidade e sen baixas, sempre con melloras”, subliñou Veleiro.

 Por outra banda, o grupo dos socialistas no consistorio esperan “que se revertan as formas tanto de proceder na xestión como de dirixirse á oposición”, pedindo que as comisións se convoquen como mínimo unha vez cada seis meses e que se manden en tempo e forma as convocatorias e a documentación solicitada. Nesta liña de diálogo e pluralidade política, desde o PSOE propoñen “que se debatan os órganos de representación dos colexios e institutos (agora con representantes exclusivamente do Partido Popular), conclúen.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo