O PSOE vincula os movementos do PP vilalbés cun sumario declarado complexo a petición da Fiscalía

O Grupo Municipal Socialista vén de pronunciarse sobre o cambalache a tres bandas protagonizado polos populares de Vilalba, vinculando os movementos nas listas do PP na provincia de Lugo cun sumario declarado complexo a petición da Fiscalía polo Xulgado Nº1 de Vilalba.

O sumario ao que fan referencia os socialistas foi aberto como consecuencia de varias denuncias interpostas diante da Fiscalía de Mondoñedo, “a primeira delas foi o 21 de xuño do ano 2013, a segunda o 21 de marzo do 2014, e a terceira o 19 de setembro do mesmo ano”, declaran. O leitmotiv das reiteradas denuncias responde a “procedementos nos que entendemos que o goberno vilalbés puido ter vulnerado o ordenamento xurídico por presuntos delitos de prevaricación continuada, ao entender que determinadas accións e condutas se levaron a cabo con criterios alleos ao interese público”, explican desde o PSOE.

Nesta liña, relacionan a nomeada “revolución no goberno local vilalbés” cunha posible saída para “construír unha ponte de prata que acubille a Gerardo Criado no Senado”. Tal e como xa se sospeitaba no sentir do socialismo vilalbés, esta manobra ten unha proxección máis ampla, deseñada no momento no que Agustín Baamonde ocupou o número dous na candidatura popular ás municipais a edil popular Sandra Vázquez aterrizou como senadora no ano 2015.

Ademais, desde a perspectiva dos socialistas, esta carambola estaría motivada por máis factores, pois segundo analizan, “mentres Rajoy e Rivera están a negociar a supresión dos aforamentos, Agustín Baamonde, Elena Candia e Núñez Feijoo poderían estar intentando retrasar unha hipotética apertura de xuízo no que estaría implicado o actual alcalde de Vilalba, pois en breve acadaría a condición de aforado”.

Para concluír, e dándose estas circunstancias, o PSOE de Vilalba fala “da enésima tomadura de pelo do Partido Popular a toda a sociedade vilalbesa, poñendo de manifesto as verdadeiras intencións de Agustín Baamonde, responsable dunha xestión nefasta e dun baile de sillas que lle asegura o seu beneficio persoal e o das familias de sempre despois de levar polo menos 25 anos actuando de xeito interesado no que atinxe á política”, rematan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo