O servizo municipal de comida a domicilio a maiores reparte uns 9.700 menús

O servizo de comida a domicilio a persoas maiores que ofrece o Concello de Lugo, o denominado Xantar no Fogar, repartiu preto de 9.700 menús nos primeiros sete meses do ano. Así o manifestou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen explicou que se trata dun programa complementario da prestación de servizo de axuda no fogar, “co que buscamos mellorar a calidade de vida e dar resposta ás necesidades dos nosos maiores, procurando a continuidade dos veciños e veciñas no seu entorno familiar.” Tal e como informou a edil, os meses que máis menús se repartiron foron os de xuño e maio, con 1.479 e 1.478, respectivamente.

González Abelleira fixo fincapé no incremento do número medio de usuarios o mes, que pasou dos 39,5 en 2009, aos 55,3 en 2016, o que supón un incremento dun 28,6%. O pasado ano 2015, repartíronse máis de 17.700 menús, 3.300 máis que no 2014, afirmou a edil, quen subliñou que no mes de xullo foron 58 as persoas que se benefician deste servizo municipal, que ofrece comida preparada a domicilio, 2 días á semana a cada beneficiario, durante os 365 días do ano. O 53% dos usuarios son mulleres, destacou a Concelleira.

Xantar no fogar pode ofrecer tanto unha como as tres comidas a domicilio, cun custe para os usuarios dende os 0 euros aos 4,71 por menú, tendo en conta a renda do beneficiario. O Concello destinou nos primeiros sete meses, máis de 40.200 euros para proporcionarlle unha alimentación equilibrada aos usuarios e favorecer a prevención de posibles transtornos de saúde derivados da insuficiente alimentación ou dieta pouco adecuada, así como previr accidentes domésticos durante a preparación de comida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com