" />

O Sindicato Labrego Galego non asinará o acordo do sector lácteo que o Ministerio de Agricultura presenta hoxe en Madrid

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, está hoxe en Madrid para participar na xuntanza do Ministerio de Agricultura na que se asinará o acordo do sector lácteo, prevista para as 12:30; e na reunión da Interprofesional Láctea (Inlac), a partir das 16:00 horas.

Se non hai cambios de última hora, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), organización de ámbito estatal da que forma parte o SLG, negarase a asinar o acordo “por non ofrecer ningún tipo de garantía xurídica ou legal que asegure que industrias e distribuidoras van pagar polo leite un prezo que cubra os custes de produción, e teña unha marxe de beneficio suficiente para que os gandeiros e gandeiras poidan vivir dignamente da súa profesión”, explicaron dende o sindicato.

Pola súa banda, dende Alternativa Galega de Esquerda (AGE), afirman que “hoxe escenifícase en Madrid unha vez máis, un peche en falso da situación de inestabilidade na que a liberalización total do sector leiteiro, derivado do fin de sistema de cotas, ten sumido ao sector leiteiro galego”.

Segundo a eurodiputada de AGEe, Lídia Senra, “esta proposta de acordo xurde xa eivada dende un primeiro momento, posto que o texto non recolle demandas fundamentais como a fixación de instrumentos que garantan un prezo remunerador, que cubra custos e traballo”.

Afirma Senra que a proposta do Ministerio de Agricultura “carece de responsabilidade e implicación institucional, ao non plantexar a implementación de políticas públicas para o sector que conleven a regulación da produción, un control necesario para que o exceso produtivo non arrastre os prezos á baixa. Sen regulación da produción non hai futuro, sentenciou a eurodeputada galega hoxe dende Bruxelas.

Para Senra, “aínda avanzando na aplicación dun modelo de redución de custos produtivos, por exemplo reorientando a produción en base á terra minimizando a dependencia dos pensos, se non existe a garantía dun prezo mínimo e un control e regulamento da produción, os produtores e produtoras seguirán percibindo prezos baixos, que é o que acontece cando un produto está fundamentalmente orientado á exportación”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo