O Supremo anula a compra dunha acción de Tragsa pola Deputación de Lugo e abre incógnitas sobre as súas consecuencias

O Tribunal Supremo declarou nula a compra dunha acción da empresa pública Tragsa por parte da Deputación de Lugo, así como as posteriores encomendas de xestión realizadas a esta entidade. Así o establece a sentenza 48/2026, do 22 de xaneiro, firme e sen posibilidade de recurso, que estima na súa totalidade o recurso presentado polo Grupo Provincial Popular.

Os tres últimos voceiros do PP na Deputación —Elena Candia, Javier Castiñeira e Antonio Ameijide— valoraron hoxe esta resolución nunha rolda de prensa, na que aseguraron que “o alto tribunal considera ilegais as decisións adoptadas polo goberno provincial de PSOE e BNG, ao vulnerar a Lei de Contratos do Sector Público e evitar os procedementos ordinarios de contratación e a libre concorrencia”.

Segundo explicaron os populares, a adquisición da acción de Tragsa e as encomendas de xestión realizáronse de maneira “unilateral polo presidente da Deputación, sen pasar polo pleno, o que suporía unha invasión das competencias do órgano de representación política”.

O proceso xudicial iniciouse tras a decisión do goberno provincial, presidido por José Tomé, de integrarse en Tragsa, unha medida que, segundo o PP, respondía a “unha intención política de extinguir a empresa pública Suplusa”. O Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo xa declarara nula a operación en 2022, unha sentenza que foi recorrida ata chegar ao Tribunal Supremo.

Tras a resolución xudicial, ábrense agora varias incógnitas sobre o futuro da participación da Deputación en Tragsa, os encargos realizados e a situación dos traballadores que debían ser subrogados. O PP subliña que “a sentenza crea xurisprudencia a nivel estatal sobre os límites da actuación das administracións públicas”.

Desde o Grupo Provincial Popular lamentan que a Deputación de Lugo “volva ser exemplo a nivel nacional do que non se debe facer na xestión dunha institución pública e cuestionan se haberá responsabilidades políticas. Ao seu xuízo, PSOE e BNG demostraron unha falta de asunción de responsabilidades e unha perda dos principios éticos e democráticos na súa actuación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com