O tren que non leva

Na Radio Galega música, a diario escoito “O tren”, na voz de Andrés do Barro ou un siareiro, sendo das poucas cancións en galego presentables que emiten onde non existen Xoán Rubia, Miro, o Fuxan histórico, A Quenlla ou Juan Pardo. Que se soa “Anduriña”, é en voces discípulas do seu creador.

Penso no tren, cada vez máis esquivo para Lugo, que se noutras terras é medio de transporte, a nós quédanos lonxe, agardando futuros impredecibles. Ao tren sepultouno a motorización masiva que experimentamos a partir dos anos sesenta e que, por mobilidade e economía, nos ensinou que o mundo das estradas radiais era o propio para a xeografía peninsular, coa política de que para xuntar os extremos hispanos había que pasar por Madrid.

Lembro a miña primeira viaxe en tren, moi neno, empeñado en ver o mundo movéndose, coa escotilla aberta e a conseguinte “carbonilla” nos ollos, na boca, no corpo, invadíndome. Moito tempo despois, nos ochenta, desde o Concello lucense organizamos unha viaxe en tren de Lugo a Monforte con varios centos de nenos dos colexios en multitudinaria algarabía, onde fomos informados dos avances conseguidos no tren ata daquela. Mágoa que, á volta, tamén é mala sorte, o tren cansou no Tunel de Oural – xa este tunel tiña unha rúa en Lugo!?– quedando tirados, aillados, no interior do tunel, tendo que saír a pé pola vía para tratar de comunicar o noso naufraxio subterráneo.

Agora, preténdese que volvamos crer no que non vemos para que lle demos uso ás vías que no seu día trouxeron o progreso. Tal como están deixando que se estropee a autovía que servíu para soñar modernidades, é posible que acaben conseguindoo. Cabreados xa nos teñen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com